A romeiría de Xelmírez
Ramón Otero Pedrayo

Autora da ficha: Laura Mariño Sánchez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Antes de comezar a viaxe a Roma co obxecto de conseguir o sacro Palio para Compostela e o consecuente título arcebispal, coñecemos os seus prolegómenos e os personaxes que nela han intervir. Así, don Diego Xelmírez, bispo de Compostela, é descrito coma un personaxe novo, cheo de enerxía, lucidez, optimismo, xenio político e vontade. Alén da forza e o valor da súa palabra, outra calidade especialmente visible durante a novela é a súa humanidade, que se evidencia nos momentos máis tristes. A personalidade do bispo lévao a loitar firmemente por reafirmar a xerarquía de Santiago dentro da Cristiandade, que a comezos do século XII estaba ameazada polas aspiracións de Braga e Toledo. É por iso que Xelmírez ve como unha necesidade acadar o palio de Roma para así outorgar universalidade a Galicia, aínda sabendo que sería criticado pola súa decisión e que en outras ocasións os bispos que o intentaron fracasaron.

A situación do padronés Xohán da Isorna previa á viaxe é contraposta á do Bispo pois, tras abandonar os estudos e botalo os pais da casa, atópase desampararado e cheo de dúbidas sobre o seu futuro. Protagoniza unha continua loita interior entre ser cruzado, relixioso ou deixarse levar polas súas paixóns, o que o leva a padecer grandes sufrimentos, sendo a canción o seu único conforto. Despois de encontrarse con Margarida, o amor da infancia, que lle recrimina terse esquecido dela, a Xohán da Isorna parécelle que a única solución á loita interior que o consume por definir a súa vocación é unirse á comitiva de Xelmírez Por iso, vai ó lugar onde está reunida e pídelle desesperadamente a don Diego ir con eles para volver curado; o bispo cóllelle cariño ao parecerlle un rapaz franco, destemido, listo e devoto ós seus proxectos e acéptao na comitiva como secretario do arcediago Gaufrido dicíndolle “darasnos alegría nas xornadas e compoñerás en trobas as nosas fazañas”.

A partir de aquí, a novela céntrase nas diferentes etapas da viaxe, coas estadías e os recibimentos que os personaxes de cada lugar lle fan á comitiva. Durante o camiño, e a propósito dos lugares polos que pasan, Gaufrido, Hugo e Munio ilustran os demais contando biografías de personaxes importantes e historias sobre o pasado. Pola súa banda, Margarida convértese nunha peregrina anónima que os axuda na viaxe adiantándose a eles e avisándoos dos perigos.

Preto da fronteira con Francia, Xelmírez asómbrase da tranquilidade da viaxe e predi que os seus inimigos non han deixar que avancen sen poñerlles impedimentos. Esa mesma mañá recibe un pergameo sen asinar advertíndolle dos perigos que lles agardan. En consecuencia, como decisións preventivas, don Diego dispuxo que Gaufrido e Munio, con criados, armas e diñeiro, saísen para Roma disfrazados de mercaderes pola vía máis curta da costa do mar. O resto seguiría a peregrinaxe coa ansia de chegar canto antes a Cluny. Doutra banda, o abade de Moissac cédelles a Xeraldo de Gourdón para loitar contra os posibles bandoleiros da zona de Quercy.

Durante o percorrido até Roma son atacados en dúas ocasións: o primeiro encontro ten lugar en Francia cun grupo de bandidos ás ordes de Raoul de Montpeyroux; como consecuencia morren tres galegos e quedan prisioneiros Raoul e outro francés. O segundo ataque prodúcese en Italia polos soldados do emperador Henrique IV no momento en que a comitiva estaba atravesando unha ponte. Paio da Curotiña, un dos guerreiros galegos máis queridos, é gravemente ferido e queda ao coidado da familia Frangipani, en cuxa casa estaba hospedada Margarida. Mentres a comitiva avanza cara Milán, os inimigos asaltan a casa, matan a Paio e levan os demais como prisioneiros.

Margarida consegue escapar e vai a Milán a darlle a mala noticia a Xelmírez, que está desesperado ao verse arrodeado de inimigos e alégrase ao ver a peregrina que tanto os axuda; mais a tristura pola morte do seu soldado faise xeral na comitiva. Esta vai ao lugar da casa dos Frangipani a rescatar o corpo de Paio, ao que lle dan sepultura e deixan pechado baixo unha lousa “agardando o intre de ser levado á terra nai e nativa de Arousa”. Xohán da Isorna fala con Margarida, á que xa recoñeceu como tal, e quedan en Roma, na porta de Letrán.

Despois deste episodio dramático, cabalgaron para o mosteiro de Póntida, onde os acolleu o abade Pandolfo de Novara. Xelmírez seguiu o seu consello e deixou os homes de armas, disfrazándose o resto de burgueses para dirixirse axiña a Roma pasando polas terras da princesa Matilde, un dos seus grandes apoios.

O final da novela, igual que o comezo, é moi diferente para os dous protagonistas. Dunha banda, Xelmírez acada en Roma o ansiado palio cunha ceremonia calificada como “sinxela, grave e relixiosa” converténdose deste xeito no arcebispo de Compostela. Doutra banda, Xohán da Isorna súmese nunha gran depresión ao ser rexeitado por Margarida, que se vai recibir freira, e coa que se imaxinara unha vida en común en Galicia.

O bispo conmóvese ao ver a Xohán nese estado e intenta reconfortalo. Finalmente, Xohán decide marchar ás Cruzadas o mesmo serán da cerimonia, coa consecuente dor e tristura de toda a comitiva. Esa noite, don Diego constrúe en soños unha catedral grandiosa para Compostela.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño