A romeiría de Xelmírez
Ramón Otero Pedrayo

Autora da ficha: Laura Mariño Sánchez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia: 

Ano 1104, desde finais de agosto até mediados de outubro.


Personaxes:

Os dous personaxes principais son o bispo de Iria-Flavia e Compostela (don Diego Xelmírez, histórico), e Xohán da Isorna, o trobador que acompaña a comitiva. O personaxe feminino máis importante é Margarida, o amor da infancia de Xohán da Isorna. Dentro dos personaxes da comitiva de Xelmírez que non son históricos destaca o guerreiro Paio da Curotiña. Tamén aparecen ao longo da novela algún personaxes con poderes máxicos e misteriosos como o mestre Silvestre e a súa sacerdotisa,  coñecida como “a Pérola”, ou Xohán de Siena, estranxeiro que se une á comitiva e que intenta descubrir o segredo para recobrar a xuventude.

Outros: o bandido Raoul de Montpeyroux, Xeraldo de Gourdón, Gaspar de Dombes, o patricio veneciano, mariñeiros, escolares, eremitas… Son numerosos os condes, monxes, abades e bispos que reciben a comitiva en diferentes lugares e que ás veces están singularizados cun nome.


Personaxes históricos:

Ademais de Diego Xelmírez (c. 1065-c.1140, bispo de Iria Flavia), a maior parte dos membros da comitiva que teñen nome propio son históricos e están avalados pola súa presenza na Historia Compostelana (Gaufrido, Pedro Anaia e Oduario) e por seren algún deles co-autores dela (Munio Afonso e Hugo). Doutra banda, destacan aqueles personaxes históricos cos que se van atopando durante a viaxe: o conde de Galiza (don Ramón), o rei don Afonso de Toledo, Anselmo de Bec e o seu discípulo Eadmer de Canterbury, Ana de Montreuil, Hugo (o abade de Cluny), Gui de Borgoña (o arcebispo de Vienne), Hugo (duque de Borgoña) o conde Humberto de Saboia, Biancamano (referencia anacrónica), a princesa Matilde da Toscana, o emperador Henrique IV de Xermania, o papa Pascual II… No desenvolvemento da acción ten un papel especialmente importante a Familia Frangipani, que acolle primeiro a Margarida e despois a Paio da Curotiña.

Existen numerosas alusións a Carlomagno, especialmente na lembranza da batalla de Roncesvalles protagonizada polo seu sobriño Roldán e os Doce Pares. O resto de personaxes históricos dos que se fala na novela pódense clasificar en: relixiosos (anteriores bispos de Compostela, Castela e Francia; papas: papa Xohán XII, papa Urbano, papa S. Gregorio VII...), personaxes da realeza ou nobreza (Fernando I e os seus fillos 
destaca Sancho, dona Urraca, dona Constanza, o vizconde de Narbonne, os Capeto, Adelaira, Otto de Saxonia, Rodrigo Ovéquiz...) e escritores ou pensadores (Paulo Orosio, Pedro Damiani…).  En relación ás Primeira Cruzada, cítase a  Boemundo de Tarento.


Acontecementos históricos:


Algúns permiten localizar temporalmente a acción da novela, como por exemplo a batalla de Sagrajas (1086), que é citada en varias ocasións (“xa logo fará dezaoito anos agora para o outono").
A batalla de Roncesvalles ocupa a case totalidade dun capítulo, e é trobada por Xohán da Isorna cando a comitiva entra en territorio francés.
Alén destes, as principais referencias históricas son: a Reconquista de Toledo, a Cruzada, o intento fallido do bispo don Dalmacio de conseguir o Palio do papa Urbano, o roubo de Xelmírez en Braga, a traizón do rei Afonso de Toledo contra o rei García, o encontro no castelo de Canossa entre o papa Gregorio VII e o rei-emperador Henrique IV como momento culminante na loita das investiduras...
Outros acontecementos históricos aparecen ligados á biografía de personaxes como Gui de Borgoña, Hugo de Borgoña, Ana de Montreuil, a princesa Matilde...
                                                                                                                                                Inicio

Tema:


Viaxe realizada polo bispo Diego Xelmírez e a súa comitiva desde Santiago de Compostela até Roma co obxecto de conseguir que o papa Pascual II lle outorgase o palio e así inzar a cidade de Santiago dentro do renacer europeo.
Outros temas: a cristiandade contra a paganidade, o demo contra Deus, a pureza contra a tentación carnal, Compostela fronte a Braga e Toledo, o Papa contra o Emperador, o amor inalcanzable, a definición da vocación...


Narrador:

O narrador principal é omnisciente, en terceira persoa. Ao seu lado aparecen moitas voces que achegan diferentes perspectivas e contribúen a realizar unha paisaxe humana da época. Estas outras voces poden ser dos protagonistas (o bispo e Xohán), de personaxes da comitiva que ilustran os demais na súa viaxe relatando episodios históricos ou relatos sobre os lugares polos que pasan (Gaufrido, Munio Afonso...), personaxes históricos que interveñen na trama e falan de episodios relevantes da súa vida (Raimundo de Pardiac, Anselmo de Bec...), ou personaxes momentáneos, ás veces incluso anónimos (monxes, mariñeiros, eremitas, escolares...). En ocasións os feitos narrados son lendas, como a da raíña Lupa ou a da orixe do mosteiro de Samos. Pola súa importancia histórica destaca a conversa que tiveron o bispo Xelmírez, Gui de Borgoña e o abade Gui de Cluny.


Espazo narrativo:

Dentro da ruta que realiza a comitiva, teñen especial relevancia as cidades de Santiago, Toledo, Cluny e Roma. Santiago é o punto de partida, e del se nos amosa especialmente a súa face monumental (igrexas, rúas, claustros...). A comitiva desvíase até Toledo, recén reconquistado por Afonso VI, por ser a capital do imperio hispánico, e na súa descrición destácanse aqueles rasgos que fan dela unha cidade entre Europa e o Islam. Cluny aparece idealizado, como lugar a admirar pola súa grandeza e disciplina. En Roma son descritas polo miúdo a basílica de San Pedro, as portas de Letrán e as igrexas da cidade.
Canto aos espazos interiores, a acción ten lugar fundamentalmente en mosteiros (Cluny...), castelos (La Ferté, Bondeno rei Ronconi…), catedrais, capelas, igrexas... Grazas ao personaxe de Xohán da Isorna coñecemos tamén o vivir cotián dos lugares polos que pasan: as ruelas, os mesóns, os curros, ... Doutra banda, son descritas con especial dureza as pasaxes dos Alpes e dos Apeninos, polos perigos que supoñen para a comitiva. Roncesvalles, campo de batalla do episodio carolinxio, ocupa case un capítulo enteiro.
Outros lugares polos que pasan: Melide, Portomarín, Triacastela, O Cebreiro, Vilafranca, León, Toledo, Burgos, Navarra, Auch, Tolosa, Moissac, Quercy, Limoges, Susa, Milán, Lombardía, Canossa, Florencia, Arezzo...


Estrutura narrativa:

Estrutura lineal en que a novela avanza até acadar o propósito inicial e o sentido da viaxe. En moitas ocasións a acción está acompañada de digresións relacionadas coa multiplicidade de voces do relato que supoñen normalmente retrospeccións vinculadas a acontecementos históricos e biografías. Neste sentido, sobreasee a batalla de Roncesvalles porque supón unha ruptura do ritmo da novela.
Outra técnica narrativa empregada con frecuencia é a simultaneidade de accións entre o bispo e Xohán da Isorna; así, sabemos primeiro o que fixo un dos personaxes no lugar onde repousan, e logo sabemos que o fixo o outro.
                                                                                                                                                                Inicio




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño