A xente da Barreira
Ricardo Carvalho Calero

Autora da ficha: Amelia Sánchez Pérez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

A xente da Barreira
localízase temporalmente no século XIX galego. A pesar de carecermos de datas que nos especifiquen esta cronoloxía, si se mencionan algúns dos acontecementos históricos máis destacados deste século como as desamortizacións ou as guerras carlistas.
Canto á duración dos feitos, a historia podería abarcar a totalidade do século, se temos en conta que narra a historia de tres xeracións dunha familia.



Personaxes:

As personaxes principais son as que pertencen á casa da Barreira. Así, destacamos as seguintes:
–Ramón Frade: é o primeiro señor da Barreira, fillo dunha casa fidalga que se ve na obriga de traballar para chegar a ter un patrimonio persoal.
–Tereija Abraira das Torres: filla dos marqueses de Gomesende, é a primeira señora da Barreira e semella dotada dunha grande dignidade e saber estar.
–Ludivina: criada e amiga de dona Tereija, é o prototipo dunha criada fiel e abnegada, ao tempo que está sempre disposta a realizar calquera traballo.
Outras personaxes serían os descendentes de don Ramón: Armando e Mercedes, Rosario, José Manuel, Álvaro e Amelia. Igualmente destacan as descendentes de Ludivina (Tereixiña, Vertudes e Sabeliña) e as novas personaxes non ligadas á familia como Antón das Cabras ou o Rosende.


Acontecementos históricos:

Podemos describir a novela como unha novela histórica, pois os acontecementos históricos aparecen presentes en todo o desenvolvemento da trama argumental.
A obra localízase no século XIX e algúns acontecementos dos que se fai mención son os que relatamos a seguir:
A guerra contra os franceses de comezos de século, en que loitou un dos irmáns de don Ramón Frade, ou a persecución dos ingleses de Moore (de que é testemuña o propio don Ramón).
Os diferentes períodos do reinado de Fernando VII, que é mencionado brevemente no desenvolvemento da novela.
As guerras carlistas, que serán uns acontecementos moi importantes para o desenvolvemento da historia. Así, cómpre mencionar os enfrontamentos de don Ramón con Joán Martelo, abade de san Jillán de Eirís e creador da partida carlista da bisbarra. Como froito deses enfrontamentos, Breixo chegará á casa da Barreira para casar con Ludivina e o señor terá que enfrontarse cara a cara cos homes que o queren asasinar.
As desamortizacións e as leis que abren o camiño para a abolición dos foros. Como consecuencia das desamortizacións don Ramón poderá incrementar o seu patrimonio


Tema:

Consideramos A xente da Barreira unha novela fundamentalmente histórica posto que a súa finalidade principal é a de describir a sociedade do século XIX e as mudanzas que esta experimenta a nivel económico e social.


Narrador:

O narrador principal en A xente da Barreira é un narrador obxectivo en terceira persoa, que narra os feitos e que non intervén no discurso narrativo, limitándose a describir os feitos que nos está a narrar tal e como aconteceron.


Espazo narrativo:

A novela localízase principalmente no solar da casa e nos terreos que a rodean. Desta maneira, a casa de don Ramón Frade convértese no escenario principal da trama, aínda que podemos mencionar outros espazos anexos como a casa de Ludivina na Graña.
Cara ao final da novela irán aparecendo outros espazos como Souto, a capital da provincia a onde se traslada a familia no inverno; a casa que don José Manuel merca na vila ou as casas de Antón das Cabras e o Rosende.
Cómpre destacar que estes espazos non se corresponderían con ningún lugar real de Galiza, mais poderían ser a representación de calquera vila galega da época que o autor está a describir.


Estrutura narrativa:

Trátase dunha narración lineal, que carece de prolepses e de analepses significativas ao longo do discurso narrativo.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño