Era tempo de apandar
Ramón de Valenzuela

Autora da ficha: Alva Martínez Teixeiro

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Esta novela en primeira persoa podería ser considerada como complementaria da obra Non agardei por ninguén, por mostrarnos un período inmediatamente posterior ao da primeira novela.

A obra comeza in media res: o protagonista, un mozo galego, é detido pola Garda Civil no País Vasco despois do seu refuxio activo na Franza como instructor dos primeiros maquis e da posterior prisión nun campo de concentración francés. 
Neste primeiro episodio encontramos xa a característica máis salientábel da obra: esta preséntase como unha versión distinta dos feitos históricos presentada a través da perspectiva parcialmente humorística do narrador-protagonista. 
Así, por exemplo, o momento da súa captura é relatado de modo cómico ao mostrarnos o grotesco da situación de ser detido e trasladado a Ávila en bata. 

Igualmente, atopamos outra das derivacións posíbeis do humor en capítulos posteriores, xa na prisión, cando o protagonista recita o Monólogo de Segismundo de Calderón ou recorda a Kafka, para resaltar, ironicamente e por oposición, a vulgaridade dominante entre os traballadores do cárcere.

A localización de parte da acción na cadea serve para recrear a vida de personaxes comúns e silenciados que senten nas súas vidas as consecuencias dos acontecementos públicos e recrear as pésimas condicións de vida no cárcere. 
Na cadea, o protagonismo repártese, por veces, con personaxes pertencentes a un novo grupo social xerado pola guerra: o dos presos políticos. A presenza destes personaxes ten unha especial relevancia respecto ao contido ideolóxico da obra, pois funcionan como intérpretes dos acontecementos históricos a través dos diálogos que manteñen, por exemplo, sobre a II Guerra Mundial.
 
Ademais, a estrita limitación do espazo na parte da novela que discorre na cadea favorece que a acción e a aventura propias dunha historia de supervivencia cedan o protagonismo ás vivencias interiores do protagonista por causa da frecuente incomunicación a que é sometido nela.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño