Fermosinda
Farruco Porto Rey

Autora da ficha: Amelia Sánchez Pérez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

Resulta complicado establecer unha datación exacta dos feitos, posto que o único dato que se nos dá é que don Reinaldo conquistoulle o seu castelo aos mouros. Por tanto, podemos situar a novela nunha Idade Media incipiente.
Igualmente, ao longo da novela non hai referencias a feitos históricos de ningún tipo e omítense datos de tipo cronolóxico ou histórico.


Personaxes:

A pesar de que non aparece ningunha personaxe histórica entre as que protagonizan a novela, si poderíamos mencionar personaxes tipo como o terratenente (o conde Reinaldo), o criado fiel (Mendo), un cabaleiro que foi desterrado por apoiar o bando perdedor (Martiño), os aforados (Anjo e as rapazas que viven con el), o cego esmoleiro ou as xentes das pousadas.


Acontecementos históricos:

Carecemos de referencias a feitos históricos concretos. Só se mencionan, de maneira moi secundaria e breve, dous feitos como a reconquista aos mouros (don Reinaldo consegue así as súas terras) e as loitas sucesorias (só sabemos que Martiño é expulsado das súas terras por apoiar o perdedor nestas loitas).


Tema:

Podemos considerar Fermosinda unha novela sentimental con claros influxos costumistas e da literatura popular (grazas á presenza de romances de cego e de contos da tradición oral).


Narrador:

Ao longo de toda a novela, aparece un narrador subxectivo en terceira persoa, que narra os feitos e que intervén no discurso narrativo, emitindo xuízos de valor e deixando clara a súa opinión sobre as personaxes.


Espazo narrativo:

No que fai referencia aos espazos narrativos, a novela vaise situar en dous espazos. Por un lado, na torre de Lobeira, que se sitúa no monte de Lobeira, no val do Salnés. Como xa comentamos, é a torre-castelo de don Reinaldo e nela e nas súas terras transcorre unha parte importante da novela.O segundo espazo é o camiño que une o pazo de Martiño e a torre de Lobeira, un espazo en que poderemos atopar diversos espazos secundarios como pousadas, unha romaría ou a casa dun pobre labrego aforado.


Estrutura narrativa:

Trátase dun relato lineal con continuas prolepses, por exemplo, o momento en que Lizgairo lle conta a súa historia a Reinaldo.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011 
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño