Fermosinda
Farruco Porto Rey

Autora da ficha: Amelia Sánchez Pérez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Fermosinda podería ser clasificada como unha novela sentimental, pois relata a historia de amor entre Fermosinda e Lizgairo.
A historia comeza na torre de Lobeira, no monte do mesmo nome (que se localiza no val do Salnés). Na torre vive o conde Reinaldo, de estirpe guerreira, que lle conquistara o castelo aos mouros e que non tiña nin muller nin fillos. O conde ten como confidente o seu criado, Mendo. Certo día, mentres pasean, escoitan ruídos: unha vella esmoleira acaba de morrer e deixa abandonado a un pobre rapaz. Mendo leva o rapaz ao castelo e o conde, abraiado pola intelixencia e a astucia do mozo, cóllelle cariño e pensa en facelo o seu herdeiro. Pola súa intelixencia, decide bautizalo como Lizgairo.

No entanto, don Reinaldo non está seguro da valía de Lizgairo como herdeiro e decide probalo deixándoo só (co pretexto dunha falsa viaxe, pois el permanece na bisbarra). Na súa ausencia, Lizgairo demostra que sabe solucionar os problemas da herdade e das xentes dos arredores. 

O bo facer de Lizgairo déixase oír pola bisbarra e Fermosinda, a filla de Martiño (un cabaleiro adiñeirado), namórase do mozo pola súa sabedoría. Xunto coa súa amiga Margarida trazan un plan para coñecer o rapaz, disfrázanse de pobres e inician o camiño cara á torre de Lobeira.

O seu camiño lévaas polas pousadas (nunha delas coñecen o conde Reinaldo) da zona e polas romarías. Nunha destas romarías, tentando darlle unha lección a un cego, conseguen facerse cunha boa esmola cos seus cantares. Grazas a esta actuación, son observadas por un mozo, que crava a súa mirada en Margarida (Lizgairo). 

De novo no camiño, son sorprendidas pola tormenta e Margarida cae enferma, polo que deben permanecer na casa do viúvo Anjo (un dos aforados de don Reinaldo). Por esa casa tamén pasa Lizgairo, que fica completamente namorado de Margarida e que lle pide axuda a Fermosinda para namorala. A moza, afundida, promete axudalo se este non descobre o seu verdadeiro nome. 

Lizgairo continúa a namorar a Margarida e vaina ver todos os días, o que fai sufrir a súa amiga. O rapaz vai notando que algo pasa e cóntalle a historia a Reinaldo, que xa regresou da súa viaxe.

Este será quen lle conte quen son as mozas e por que estaban a viaxar. Nese momento Lizgairo parte para falar coas rapazas. Margarida, ao saber o que está pasando, négase a querelo xa que a amizade é máis forte que o seu amor. Mentres falan, Lizgairo escoita berros de auxilio. Fermosinda estaba a bañarse e a corrente arrástraa.

O mozo salva a Fermosinda e fica abraiado co seu corpo espido. Cando a rapaza recupera a consciencia, el dille que da mesma maneira que salvou o seu corpo, quere salvar a súa alma.

Nese momento aparecen Margarida, Reinaldo e o seu amigo Martiño, o pai de Femosinda, que viñera saber da súa filla. Lizgairo anuncia o seu amor e o conde anuncia o casamento e noméao o seu herdeiro.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño