Ilustrísima
Carlos Casares

Autora da ficha: Alva Martínez Teixeiro

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


A novela alicérzase na construción dun personaxe inventado que funciona como intérprete dos acontecementos. Este protagonista, Ilustrísima, correspóndese cun heroe sen grandes paixóns, mais cunhas inquedanzas espirituais e intelectuais diverxentes dentro da curia galega de principios do século XX.

A perspectiva do personaxe respecto aos acontecementos do seu tempo permítenos coñecer as pequenas conspiracións, as intrigas e as loitas de poder que se daban nos bastidores dunha institución tan poderosa como a Igrexa. 

Neste sentido, a novela céntrase na crise relixiosa e de valores que atravesou a Igrexa na referida época, revelando un atraso parcialmente dominado pola superstición e pola intolerancia. 

Esta crise funcionará como liña divisoria entre dous polos opostos e de valor universal: o polo do escurantismo, representado polo cerco abafante de homes da Igrexa que rodean o pazo episcopal, e o polo do ideal ilustrado, personificado na figura do bispo. 

Dous fitos históricos de natureza local estruturarán esta lectura dialéctica da obra: a polémica instalación do cinematógrafo na cidade e a revelación dos supostos poderes sobrenaturais dunha relixiosa da diócese. 

Estes dous aspectos ocuparán de modo subrepticio a política diocesana de Ilustrísima, contrario ao fanatismo derivado, tanto da oposición á instalación do primeiro cinematógrafo, como dos milagres da relixiosa. 

Así, o autor articula os elementos históricos dentro dunha historia estruturada como unha particular loita protagonizada polo bispo contra as tebras, que o leva a publicar, baixo pseudónimo, nun xornal liberal, un conxunto de artigos de rabia bíblica contra unha Igrexa sectaria, intolerante e violenta que despois, pola paz da diócese terá que condenar.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño