Non agardei por ninguén
Ramón de Valenzuela

Autora da ficha: Alva Martínez Teixeiro

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Trátase dunha novela de personaxe, centrada na vida dun fuxido da Guerra Civil, Don Gonzalo de Ozores, na que, o feito de que o protagonista non viva sempre clandestinamente permite unha maior presenza do elemento social do que noutras novelas de temática semellante.

A narración é ocupada por figuras representativas de dous grupos ben delimitados (os falanxistas e os defensores da República) e un terceiro conxunto social definido pola ausencia de compromiso perante os acontecementos que viviu Galiza, e tamén España no primeiro terzo do século XX. 

Nesta obra hai dúas estratexias que nos permiten ampliar a información estritamente local propia dunha vida na clandestinidade. En primeiro lugar, as referencias aos medios de comunicación: son frecuentes as referencias a informacións sobre o desenvolvemento da guerra emitidas polas radios da resistencia. En segundo lugar, a experiencia directa do protagonista ao abandonar a vida furtiva e ao desprazarse a outro punto da península no momento en que se ofrece no recrutamento para ir infiltrado á fronte en Cáceres. 

A obra presenta algúns aspectos de certos episodios da Guerra Civil, non tratados antes nas nosas letras, ofrecéndose como un texto informativo e político caracterizado por trazar un retrato panorámico da guerra.
 
Como panorámica da guerra, a novela móstranos, por exemplo, a presenza doutros republicanos e galeguistas que se alistaran no bando falanxista ou a participación dos alemáns na loita, ao asumir o protagonista a tarefa de visitar a residencia da Lexión Cóndor de Alemaña para encontrarse cun coñecido. 

Como texto informativo e político, é salientábel a vontade documental do mesmo, así como a presenza explícita dos principios defendidos polo narrador e, principalmente, polos personaxes nas conversas sobre as ideas e valores do momento. 

Así encontramos, por exemplo, o diálogo mantido polo protagonista cos outros guerrilleiros que facían parte do seu grupo durante a súa vida clandestina –onde son expostas as súas diferentes opinións sobre a situación– ou os encontros posteriores, xa no bando falanxista, con outros republicanos clandestinos. 

Por último, salientaremos a existencia dun segundo eixo argumental relacionado co primeiro, de carácter sentimental, mais igualmente afectado polos acontecementos históricos: o namoro do protagonista cunha falanxista ensombrecido pola dificil conxuntura política que rodeaba a relación.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño