O señorito da Reboraina
Ramón Otero Pedrayo

Autora da ficha: Alva Martínez Teixeiro

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


A obra presenta os elementos históricos dentro dunha trama na que se mesturan a ficción histórica e a novela de aventuras. A novela baséase na narración da vida de Xóan Manuel Pereira, fidalgo liberal e progresista, na que conviven os trazos reais e os trazos fantásticos.

Nun ton predominantemente irónico, ofrécesenos unha visión idealizada do pasado inmediato do país, nunha narrativa centrada, principalmente, na actividade política de Pereira. 

Así, asistimos aos esforzos revolucionarios do fidalgo, á súa vida política en Madrid ou ao posterior nomeamento como embaixador de Annam, Siam, Camboia e China. 

Neste punto da novela incorpóranse á historia certos elementos de orientalismo e de aventura inspirados na literatura de viaxes. Este predominio da fantasía disfraza o valor histórico das memorias do fidalgo, pois é notoria a relevancia do descritivo sobre o narrativo. 

A cuestión da verosimilitude e do uso do marabilloso está presente desde o inicio da obra, por exemplo, na historia, coñecida durante a xuventude do protagonista no mosteiro, do segredo de dous navíos obrigados a vogar eternamente pola costa cos seus tesouros. Porén, son as aventuras fantásticas por Oriente e os amores do mullereiro protagonista coa demente e derradeira princesa da dinastía Ming as que consolidan a natureza híbrida da obra, pois é nas aventuras de Pereira por Oriente onde o marabilloso se establece como unha realidade e unha categoría cultural propia da época e do espazo retratados. Finalmente, despois das súas peripecias como deputado, conspirador e embaixador, o fidalgo retorna á súa terra, compartindo o protagonismo nesta última parte da novela cun outro personaxe que funciona como contrapunto na obra ao marido mullereiro: D.ª Adelina, a morgada, a figura prudente e asisada, a "raíña dos vellos tempos" propia da narrativa oteriana.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño