O silencio redimido
Silvio Santiago Autora da ficha: Alva Martínez Teixeiro |
Edicións | Estrutura editorial | Recensión | Datos narratolóxicos | Observacións |
O silencio redimido é unha novela de personaxe que recrea a vida dun home común ao que lle afectan directamente os acontecementos históricos. A narración está dominada por unha dimensión ideolóxica determinante, pois para superar a parcialidade da historia oficial galega da primeira metade do século XX o protagonismo é cedido a un marxinal, a un vencido da Guerra Civil. Así, a Historia é mostrada de modo subxectivo a través dun narrador-testemuña que se presenta como editor das páxinas biográficas do protagonista. Este, relátanos como outro galego, o xornalista, Carlos Aranda, é acusado falsamente de falanxista, polo que foxe misteriosamente da colonia galega de Bogotá. A novela revela entón ser un texto complexo: os motivos da fuxida son explicados nunha carta oito meses despois da partida desde Venezuela. As páxinas enviadas para salvarse do descrédito son fragmentos da súa vida dende os comezos da República até o remate, ou pouco menos, da guerra. O relatorio é estruturado en dúas partes, consideradas como un todo polo propio xornalista e unificadas pola intención de “redimir o silencio de tantos infelices que calaron as súas pesadumes” (Santiago, 1976: 18). A primeira parte, "Eu, Carlos Aranda" ten inicio no ano 1937, á saída do cárcere do protagonista, cando este foxe para non ser preso de novo e inicia unha vida de clandestinidade na zona fronteiriza e, posteriormente, en Portugal, onde entra en contacto con grupos favorábeis á causa republicana e contrarios a Salazar. A Historia aparece a través da perspectiva do personaxe, dominado pola opresión, pola angustia e polo pesimismo, mais tamén a través da inclusión de información sobre a traxedia da guerra. Finalmente, el e o seu irmán reciben as partidas de nacemento de dous irmáns cubanos, os Aranda, para poder fuxir de Portugal. A segunda parte,
titulada "Follas biográficas –
Pra
conecimento de Alfredo Guerra", parte dun salto temporal, que
sitúa o discurso en 1927. O narrador ofrécenos os
antecedentes da súa traxedia posterior: a mudanza do
romanticismo teórico da República polas
dúbidas
ideolóxicas e a aproximación ao sindicalismo de
Pestana.
Igualmente, esta segunda parte, será dominada, despois do
retrato da vida política anterior ao alzamento, pola
consciencia
aflixida do protagonista, da vida de cativerio dun home
fráxil e
desolado, que segundo as súas propias palabras como narrador
preocupado pola veracidade, non argalla “ningún
feito,
máis ben rebaixo o dramatismo de algúns
casos”
(Santiago,
1976: 15). |
|||
Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia. ![]() ![]() Deseño e realización técnica: Laura Mariño |