O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte
Antón Alonso Ríos

Autora da ficha: Alva Martínez Teixeiro

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Esta novela memorialística traslada á ficción a vida dun personaxe real, o deputado agrario Antón Alonso Ríos quen participou como fuxido nos acontecementos da Guerra Civil.

Así, o relato é unha composición que comparte trazos de dous tipos ficcionais, o memorialístico e o novelesco, e que se presenta como posibilidade de completar a historia, chegando onde ela non chegou: até a visión das figuras marxinais que viviron na clandestinidade por causa da guerra. 

A ficción conserva a estrutura da aventura como estratexia para captar a atención do lector, sen que por iso haxa un predominio da peripecia sobre o histórico: o narrador relátanos o desenvolvemento da guerra na zona de Tui con absoluta precisión temporal, ao tempo que narra a súa decisión de disfrazarse e iniciar unha nova vida de esmoleiro para salvarse. Posteriormente, preséntanos o seu periplo como criado e a fuxida do país, de Portugal a Casablanca e despois a Arxentina, onde novamente a historia privada do protagonista convive coa pública, desta vez, polas referencias ás inquedanzas espirituais e intelectuais xurdidas durante a espera para pasar a fronteira portuguesa, que darían lugar a obras como Nidia ou o seu Tratado da velocidade

Ademais, na construción do autor da súa figura como personaxe e narrador, este funciona como intérprete autorizado dos acontecementos narrados na medida en que é portavoz do sistema de valores presente no texto. 

Así, aparecen algunhas digresións e reflexións respecto á realidade e aos personaxes menores que se moven por volta do protagonista. No capítulo décimo, por exemplo, encontramos unha clasificación imparcial sobre os catro tipos de falanxistas existentes que o protagonista fai a partir da súa propia experiencia ou, tamén, a división, noutro dos capítulos, igualmente en catro castes, dos esmoleiros. 

Finalmente, a obra acaba co esclarecemento dos ideais que a orientan a modo de saldo da aventura: dos tres anos de fuxida e das conviccións de redención galega desfeitas, así como dunha última lembranza para o grande número de compañeiros martirizados.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño