Prediución
Heraclio Pérez Placer

Autora da ficha: Amelia Sánchez Pérez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

Prediución carece dunha localización temporal concreta. Os acontecementos teñen lugar no pazo do Conde de Altamira, do que non se nos dá o nome (polo que non o poderiamos localizar por esa vía). A ambientación, a localización espacial nun castelo, a presenza das bruxas, a peregrinación a Terra Santa de Lopo e os propios protagonistas permiten encadrala nun pasado, quizais na Idade Media.


Personaxes:

As personaxes son escasas e aparecen pouco caracterizadas. No entanto, podemos considerar a Ilda (condesa de Altamira) e a Lope (o peregrino e irmán de Ilda) como os protagonistas. Da mesma maneira, teñen importancia para o desenvolvemento dos feitos a personaxe de Rodrigo (fillo de Lope acollido pola súa irmá), Margarita, o conde de Altamira e a raíña das bruxas da cova da Moura.


Acontecementos históricos:

Non se mencionan acontecementos que poidamos considerar históricos. O único feito que poderiamos encadrar nesta epígrafe é a peregrinación de Lope a Terra Santa.


Tema:

Prediución defínese como unha novela sentimental, pois os elementos amorosos teñen unha presenza moi importante, aínda que o elemento marabilloso ten tamén un rol fundamental.


Narrador:

O narrador principal nesta novela é un narrador subxectivo en terceira persoa que narra os feitos, que intervén no discurso narrativo e que emite xuízos de valor e opinións sobre as personaxes.
Porén, nos capítulos “A Bruxa do Monte Sacro” e “O achado” (neste último, non na totalidade do capítulo), o narrador en terceira persoa muda cara a un narrador protagonista en primeira persoa. No primeiro caso este narrador personifícase na figura de Ilda e no segundo, na de Lope. Ambos contan as súas respectivas historias.


Espazo narrativo:

No que fai referencia aos espazos narrativos, observamos un claro predominio dos espazos interiores, posto que a maioría dos feitos teñen lugar no pazo dos condes de Altamira, nos vales do Sar e da Sarela e próximo ao monte Pedroso.
No entanto, son importantes algúns espazos exteriores como a cova da Moura (no monte Pedroso) ou a aldea de Figueirido, a aldea natal de Lope. Tamén se mencionan outros espazos exteriores como a Ribeira Sacra, onde Lope se despraza para traballar na vendima.


Estrutura narrativa:

Trátase dunha narración lineal, con dúas analepses moi significativas. A primeira prodúcese no capítulo II, cando Ilda lembra os sucesos da cacería, que acabaron levándoa á cova da Moura, onde escoitou a predición. A segunda analepse ten lugar no capítulo “O achado” (aparece sen numerar, mais sería o quinto), cando o peregrino conta a súa historia desde o seu nacemento até ese momento.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño