Prediución
Heraclio Pérez Placer

Autora da ficha: Amelia Sánchez Pérez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Ilda e o seu marido, o conde de Altamira, adoptaron como fillo propio a Rodrigo, un rapaz que apareceu abandonado na porta do seu castelo ao pouco de nacer. Rodrigo devece por coñecer a súa verdadeira orixe, mais Ilda non lle quere confesar a verdade, pois teme as consecuencias.

Ao final, accede a facelo. A súa nai morreu no parto e ao seu pai non pode coñecelo, posto que o día que o faga, el propio o matará. A historia remóntase ao pasado, sendo Rodrigo neno, o seu cabalo perdeu o control e acabaron no monte Pedroso. Ao chover, entraron na cova da Moura, onde viviron unha estraña experiencia. Unha bruxa, acompañada doutras moitas, vaticinou que o rapaz mataría o seu pai ao coñecelo. Isto débese a que a bruxa fora asasinada por un familiar de Ilda e buscará a súa vinganza na condesa e en todos os seus seres queridos. 

Pouco despois de ter contado esta historia, aparece no castelo un peregrino, que entra na fortificación por unha porta secreta e que accede directamente ao cuarto de Ilda. Despois saberemos que se trata do seu irmán Lope. 

Lope era un rapaz abandonado que, finalmente, acabou coñecendo a súa nai e a súa irmá (era fillo dunha relación extra-matrimonial). Era un labrego que vivía na aldea de Figueirido. Como moitos outros, marchaba como xornaleiro a Ourense para a vendima. Alí comeza unha relación con Margarita, unha veciña, mais axiña se cansa da rapaza e desaparece unha breve tempada. Cando volve, a rapaza está embarazada. El faise cargo, mais ela non quere ser branco das miradas por quedar embarazada de solteira e deciden marchar a Santiago. 

No camiño cara a Compostela pasan moitas penurias, están desfalecidos. Cando case están chegando á cidade, moi preto do castelo de Altamira, Margarita ten o neno e desfalece co cansazo. Lope leva o neno á porta da casa da irmá e regresa para atender a Margarita, que xa morreu. Tolo pola morte da amada, decide ir á guerra para buscar a morte e despois peregrina a terra santa. 

Agora está de regreso na casa da irmá e pregunta polo seu fillo. Porén, mentres conversan no cuarto de Ilda, aparece o conde e pensa que está sendo enganado. Ilda e Lope tratan de lle dicir a verdade, mais el non escoita. Quere prendelos e castigalos. Con todo, Lope proponlle que se batan como cabaleiros. Comezan a loita e, finalmente, Lope mata o conde. Nese momento aparece Rodrigo, que mata a Lope. Sabedor por Ilda de a quen acaba de matar, o rapaz perde a cabeza e tolea. 

A historia remata cunha aprendizaxe para o lector: os amores prohibidos crean os problemas.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño