Semprenoiva
Francisco Cabo Pastor

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Na casa da vinculeira, no lugar de Lamas, conversan diferentes personaxes: a señora Xilda, don Nicandro, a tía Rosa, Bastiana, o cubano, o escusador, Rosiña, Laureana, o mestre, o zoqueiro e o tío Bartolo. A fala nocturna flúe por diversos asuntos: política, lingua, emigración, etc. Cara ao final da velada Rosiña pídelle a don Nicandro que lles lea un conto e ela mesma elixe un que xa coñece, Semprenoiva.

A historia de Semprenoiva iníciase a noite dun sábado de Nadal no Século de Ouro. Unha misteriosa muller permanece sempre á beira dunha fiestra mais sen se asomar. Diferentes homes pasan ao seu carón e dedícanlle cantigas mentres ela permanece oculta. O seu nome é Hermesinda e dise dela que non sae á luz do sol. Un escolar tan misterioso coma ela será o único que logre a súa atención. El dedícalle palabras de amor mais non intenta ver o seu rostro. A súa historia amorosa prolóngase durante anos nos que el non deixa de levarlle flores. Chega o intre en que el debe marchar, acode a rúa de Hermesinda para vela novamente e despedirse e, de súpeto, sobe ao seu balcón e abrázase a ela. Coa súa partida Hermesinda queda sumida nunha fonda tristura. A partir dese momento dedícase a recoller herba doncela, flor que destacaba entre as que el lle levaba e cando é preguntada polos seus actos di que as flores se chaman semprenoivas e que nunca murchan.

Finalizado o conto os asistentes á reunión nocturna marchan a cadansúa casa. Rosiña remata a noite no seu cuarto coa cabeza chea de fantasías románticas.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño