Villardevós
Silvio Santiago

Autora da ficha: Alva Martínez Teixeiro

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Esta estratexia pretende situar o texto na "proximidade" axudada pola escolla como protagonista dun heroe común e sen grandes paixóns: Manoliño, que nas historias é un neno, mais no presente do relato é un home que camiña para a vellez. 

O tempo da historia abrangue, así, case a totalidade da vida do protagonista, recreando acontecementos do pasado próximo, nos que a historia anónima serve para mostrar, nun plano secundario, a historia pública. 

Por volta do personaxe principal e das súas lembranzas, que constitúen o marco da narración, móvense un grande número de personaxes menores. No inicio, a organización dos primeiros capítulos, semella indicar que a única pretensión da novela é representar a atmósfera histórica e a cor local dunha vila galega da primeira metade do século pasado. Cada un dos capítulos iniciais retrata minuciosamente un sector da comunidade: é presentado o censo de personaxes célebres, do señorío da aldea ou mesmo a categoría dos habitantes sobrenaturais e supersticiosos. 

Trátase dunha composición híbrida, pois o marabilloso é unha categoría cultural propia da época retratada mais, ao mesmo tempo, preséntase próxima do devir histórico, como demostra, por exemplo, unha aparición fantasmagórica que, segundo quen a referise, era considerada un espectro ou un contrabandista. 

Así, os sucesos históricos son sempre expostos a través da perspectiva particular, principalmente do protagonista, mais tamén dos outros vilegos. 

Será este enfoque subxectivo o que favoreza nun segundo momento da novela a aparición dun novo punto de vista dende o que tratar o mesmo asunto: non estamos perante un imaxinario ruralista, pois existe unha grande distancia entre o ton da narración e as perspectivas particulares dos personaxes. 

Tomemos a título de exemplo a afirmación do narrador de que a vila de Vilardevós era un atraso (Santiago, 1982: 153) ou a presenza do xa referido panorama social amplo, que resalta os matices existentes dentro de cada grupo, como a falta de conciencia politicamente expresada. 

Se a conciencia nacional ten un papel marxinal no inicio da novela, a seguir adquire maior relevancia, cando Manoliño, xa adulto e de regreso das Américas –onde se sentira galego por primeira vez–, percibe na comunidade os trazos fundamentais dunha identidade colectiva. 

De acordo con esta nova perspectiva, a historia oriéntase para o social e é aproveitada para referir condicións sociopolíticas máis precisas, como a lembranza do último enterro da sardiña en Vilardevós, presentada a través da reproducción parcial do sermón en galego pronunciado polo republicano Manuel da Carrasquilla, parcial, porque, “hai cousas que non se poden dicir” (Santiago, 1982: 157).




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño