Xente ao lonxe
Eduardo Blanco Amor

Autora da ficha: Alva Martínez Teixeiro

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Xente ao lonxe é unha novela de aprendizaxe que parte dun relato formado por catro partes nas que se vai deseñando, de forma crítica, o fresco social dos primeiros anos do século XX, nunha recuperación da memoria histórica do pobo galego.
Suso, o protagonista, preséntanos na súa narración a influencia da Historia na súa vida persoal á que asistimos desde a infancia até a xuventude. 

Así, na primeira parte predomina na reconstrución da vida na cidade de Auria a perspectiva infantil do narrador, fillo do secretario dun gremio obreiro, quen, por exemplo, descoñece o significado de moitas das palabras que escoita durante eses primeiros anos, como asalariado ou esquirol. 

As lembranzas de Suso, como no resto da novela, son complementadas con episodios e conversas que vai lembrando e que permiten unha visión máis ampla do fresco social. Na segunda parte da obra asistimos á iniciación vital do protagonista na escola, na relixión, na sexualidade e tamén na comprensión da realidade social que o anima, por exemplo, a ingresar na Escola Laica. 

É xa na terceira parte da novela cando o protagonista toma conciencia e adquire un compromiso social definitivo. Consecuentemente, o papel dos feitos históricos e da visión crítica é aínda maior no discurso. Nesta parte coñecemos a través do narrador a importancia real do movemento obreiro na obra: observamos as reunións clandestinas na casa de Suso organizadas polo pai, asistimos ao mitin da Junta Federal das Sociedades Obreras para dar o seu apoio ao pobo de Oseira na súa oposición a que o Bispo retirase da vila o baldaquino e, finalmente, somos espectadores da brutal represión política que ten lugar na vila. 

Neste sentido, tamén nesta parte da novela observamos a intensificación da crítica aos membros da oligarquía presente en toda a obra, representados aquí nun retrato de inspiración risquiana, ao referirse a eles o narrador como "a burguesía porca", facendo referencia aos xamoneiros, aos tendeiros maragatos e, mesmo ao gobernador que, segundo o narrador, sería un "figurón imbecil". 

Por último, na cuarta parte, asistimos ao final da adolescencia de Suso e á chegada das preocupacións da vida adulta, como os problemas laborais ou as súas aspiracións como persoa.

O final da obra resólvese nunha carta inconclusa escrita pola irmá do protagonista onde se nos informa da situación dalgúns dos personaxes principais da obra e a autora da carta manifesta o seu descontento coa nova preocupación polo Rexionalismo de moitos membros do Partido.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño