Proxectos I+D


Álbum ilustrado: cultura, educación e canon


Referencia
10_XII_AICEC
Institución financiadora
Universidad Camilo José Cela
Orzamento
5500 € (totais)
Duración
01-01-2026 / 31-07-2027
Investigador principal
Diana Cembreros Castaño
Persoal investigador participante
Patricia Carballal Miñán
Marta Larragueta Arribas
Emilio Cañadas Rodríguez
Encarnación López Mateo
Alexia Dotras Bravo
Araceli Hernández López
Descrición

Esta proposta enmárcase na continuidade dunha liña de investigación consolidada, sustentada nos proxectos financiados e desenvolvidos con éxito previamente: LIJACE (2019), LIJACE ALB (2021) e LIJACE ILU (2023). O presente proxecto ten como obxectivo principal afondar no estudo do álbum ilustrado como un produto estético e cultural clave nos procesos de enculturación das novas xeracións, desvelando os mecanismos internos e externos que configuran a súa mensaxe e o seu canon.

O álbum ilustrado concíbese como un produto estético total onde texto, ilustración e formato interactúan dialecticamente para construír significado (Nikolajeva e Scott, 2013; Sipe, 1998). Partindo desta base teórica, propóñense tres liñas de investigación interdependentes que abordan a súa complexidade.

• Paratexto e estética integral no álbum ilustrado. Esta liña céntrase na análise dos elementos paratextuais (Cantavella e López, 2025) que modulan a recepción, prestando especial atención á cuberta do libro. Historicamente infraestudada en comparación con outros elementos como as gardas, a cuberta opera como un limiar semiótico fundamental. A análise orientarase a determinar como este compoñente paratextual contribúe á configuración da mensaxe total e á anticipación do contido cultural e estético do álbum.

•  Análise lingüística de álbum ilustrado en inglés. Abordarase o estudo das características lingüísticas do texto do álbum ilustrado, focalizando no vocabulario e na complexidade textual. Para expandir o marco de análise máis aló da literatura infantil en castelán, traballarase cun corpus en lingua inglesa conformado a partir das obras mellor valoradas e con maior difusión en plataformas sociais de lectura. Esta aproximación permitirá unha visión comparada e unha mellor comprensión das propiedades textuais que determinan a recepción e o éxito na comunidade educativa actual (Larragueta e Ceballos-Viro, 2018).

• Canon, premios editoriais e perfil do xurado. Esta terceira liña enfócase nos mecanismos de conformación do canon actual da literatura infantil e xuvenil, coa mirada centrada na influencia dos premios editoriais (Larragueta et al., 2025). Propónse un estudo sociolóxico e discursivo que afonde nos roles e perfís dos membros do xurado que outorgan estes galardóns. O obxectivo é identificar as ideoloxías estéticas, pedagóxicas e culturais subxacentes que inflúen na selección das obras, permitindo comprender a visión que a propia industria cultural ten da infancia e da súa literatura.