Proxectos I+D


A produción editorial na Galiza durante a etapa franquista (1939-1975)


Referencia
FFI2010-16924-subprograma FILO
Institución financiadora
Ministerio de Ciencia e Innovación
Orzamento
30250 € (totais)
Duración
01-01-2011 / 31-12-2014
Persoal investigador participante
Francisco Salinas Portugal
Mª Antonia Pérez Rodríguez
Carlos F. Velasco Souto
Mª Obdulia Luis Gamallo
Descrición

O obxectivo fundamental deste proxecto de investigación é o estudo da produción editorial na Galiza durante a etapa franquista, unha produción fortemente condicionada polo marco ideolóxico e, tamén, polas difíciles circunstancias socio-económicas derivadas da ditadura.

A pesar destas limitacións, o labor editorial non foi testemuñal, pois xurdiron numerosos proxectos editoriais na Galiza entre 1939 e 1975, algúns duradoiros, outros fugaces. Existiron mecenas, diferentes propostas editoriais e comerciais, modos variados de conseguir un público lector, e opcións estéticas e ideolóxicas diferenciadas. Contemplada no seu conxunto, esta actividade cumpriu un papel significativo na resistencia cultural que foi chave na loita antifranquista e na procura dunha sociedade democrática. É esta unha circunstancia que non foi suficientemente valorada até agora, como proba o descoñecemento que existe de moitas destas iniciativas editoriais, mesmo dalgunhas de indiscutíbel suceso.

Con certeza, o panorama editorial da época é máis complexo do que decote se considera. Normalmente, só se teñen en conta as editoriais con produción de carácter literario-cultural e fican esquecidas outras de perfil diferente (como a técnica Valle-Collantes de Ferrol-A Coruña ou a popular editorial Cíes), ao tempo que se pasan por alto outras con pouca produción como Monterrey. Tampouco se valora a actividade de moitas das entidades públicas do momento: academias, concellos, deputacións, bancos, museos etc.

Nos primeiros anos tras a guerra civil é relevante o rol das imprentas que funcionan como editoras (Moret, Roel...) e que son o sustento da  autoedición até finais dos 60. Cómpre subliñar a moi temperá aparición dunha singular editorial de carácter comercial con vendas en toda a Península: a editorial Cíes de Vigo.

Xa a finais dos 40 xorden con claro perfil literario a Colección Benito Soto (Pontevedra, Bibliófilos Gallegos (Santiago). A principios dos 50 irrompe no panorama a editorial Galaxia, fundamental na revitalización da cultura galega, e aparece a Colección Xistral (Lugo). Na década dos 60 contamos tamén cun número considerábel de novas editoras: en 1961 asoma a colección Salnés (Vigo) e ao longo da década revitalízase Celta (Lugo) e Porto (Santiago), nacen Monterrey e Castrelos (Vigo), Sept (Santiago), a nova Xistral (Monforte) ou Ediciós do Castro (Sada).

Nos derradeiros anos do franquismo xorden novos actores neste mercado cunha produción bastante diversificada como Pico Sacro (Santiago), Edicións do Rueiro (A Coruña) e outras iniciativas editoriais sustentadas por librarías, empresas ou institucións como o Colexio de Arquitectos de Galicia, o Círculo das Artes de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, entre tantas outras. Todas elas desempeñaron un papel decisivo na revitalización da cultura galega producida na Galiza.

O panorama exposto, aínda que non exhaustivo, mostra a variedade de proxectos que se recollen e analizan nesta pesquisa, en que se lle concede especial interese ao traballo de análise e á recuperación do conxunto de publicacións que habitualmente se aglutinan baixo a denominación de “edición de autor”, de dificultoso estudo, mais de grande importancia nun traballo como o que se desenvolve neste proxecto.

Resultados

  • Sitios web
  • Congresos
  • Artigos en revistas