A dona das Torres
Ánxel del Castillo

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

Desde a celebración dos esponsais entre dona Catalina Santiso e Vasco das Seixas, até a morte e enterro de dona Catalina coa súa posterior exhumación aínda que internamente non se consigna con exactitude o tempo transcorrido.


Personaxes:

Os personaxes principais son dona Catalina Santiso, a dona das Torres, e o seu home Vasco das Seixas. A tráxica historia do seu matrimonio constitúe o eixe central da novela. Os personaxes secundarios son Sancho López de Santiso, pai de Catalina, e Xan de Rodís, vilego de quen se di que foi escudeiro do Conde de Lemos. Aínda que non aparezan individualizados, os vasalos de Vasco das Seixas xogan un papel relevante no desenvolvemento da obra posto que é a través deles como se realiza a sublimación das características da dona das Torres, outorgándolle calidades contrapostas coas posuídas polo seu home.
Son personaxes históricos Vasco das Seixas, Catalina Santiso (ou Santirso en función das fontes) e Sancho López de Santiso.


Acontecementos históricos:

Na novela aparece un bo número de referencias temporais que permiten encadrar con exactitude tanto a historia de Vasco das Seixas e Catalina Santiso como o relativo á construción e reconstrución da fortaleza de San Paio de Narla. Así, hai unha referencia inicial á segunda revolta irmandiña (1467) causante da destrución da fortaleza orixinal e cítase o ano 1527 como data da reconstrución do Castelo de San Paio de Narla por parte de Vasco das Seixas. O matrimonio entre Vasco das Seixas e dona Catalina Santiso data do ano 1543. A morte e posterior exhumación da dona das Torres acontecen en 1543 ; xa no apartado de notas da novela se afirma que este último é un feito testemuñado polo Padre Carbajo que o sitúa tamén en 1543 no Cronicón manuscrito de Santa María de Sobrado (compilado no século XVIII). No mesmo ano prodúcese a morte de Vasco das Seixas a mans dos homes do duque de Bragança.


Tema:

Recreación da tráxica vida de dona Catalina Santiso (a dona das Torres) morta a mans do seu home, Vasco das Seixas. Trátase da primeira refacción literaria dunha lenda con gran difusión oral na terras de Friol.


Narrador:

No prólogo preséntase un personaxe anónimo a quen lle é contada a historia da dona das Torres. Este personaxe actuará despois como narrador dos feitos que constitúen a parte principal da obra. Trátase dun narrador heterodiexético e omnisciente en terceira persoa na trama principal (lenda da dona das Torres), mentres que no prólogo é homodiexético, testemuña e en primeira persoa, dado que é un dos personaxes que aparecen dentro da breve historia que funciona como marco da lenda.


Espazo narrativo:

O castelo de San Paio de Narla e o mosteiro de Sobrado dos Monxes son os espazos interiores principais, neles sucédense a maior parte dos acontecementos da novela. Os arredores do castelo de San Paio de Narla (Friol) protagonizan os espazos exteriores. A mención á morte en Bragança de Vasco das Seixas é a única referencia a unha localización externa á comarca de Lugo.


Estrutura narrativa:

A novela presenta un pequeno texto introdutorio onde se presentan tanto o personaxe que vai actuar como narrador como o fantasma dunha muller, identificada posteriormente como Catalina Santiso, que se aparece no mosteiro de Sobrado dos Monxes. A seguir comeza a historia de Vasco das Seixas e a dona das Torres que podemos dividir segundo o esquema clásico de presentación (antecedentes históricos do castelo e do seu contorno e caracterización inicial do personaxe de Vasco das Seixas), nó (casamento con Catalina Santiso, aceptación da chamada dona das Torres por parte dos vasalos de Vasco das Seixas) e desenlace (asasinato de Catalina, exhumación do seu corpo incorrupto e asasinato de Vasco das Seixas). Finalizada a historia da dona das Torres non hai novas referencias ao personaxe inicial que conta a lenda.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño