A dona das Torres
Ánxel del Castillo

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Un personaxe anónimo vaga polas ruínas do mosteiro de Sobrado cando, entre as sombras, se lle aparece a pantasma dunha muller. Esa mesma noite, durante a cea, comenta o caso e un dos comensais que o acompañan nárralle a lenda existente detrás desa aparición. O relato comeza coa descrición dos arredores do Castelo de San Paio de Narla e das circunstancias históricas que levaron á súa destrución e posterior reconstrución por parte de don Vasco das Seixas, señor das Torres. 

Don Vasco das Seixas é un home cruel e desapiadado cos seus vasalos. Contrae matrimonio con dona Catalina Santiso, filla do nobre asturiano don Sancho López de Santiso. Ela representa para os veciños das Torres o exemplo de beleza, virtude, dozura e amabilidade. O cariño que esperta entre a veciñanza faille gañar o alcume de dona das Torres. Consonte vai crecendo o afecto da veciñanza por dona Catalina vai nacendo a xenreira en Vasco das Seixas, quen constata que a súa muller intervén sempre a favor dos labregos. Buscando un xeito de se desfacer dela dá en acusala de adulterio e trata de envelenala. Unha vez que a noticia do intento de asasinato se estende entre os veciños, estes xuran acabar co seu señor se algo lle acontece á dona das Torres. Ao pouco tempo cúmprense os seus peores agoiros e Catalina aparece morta. Vasco das Seixas, sabedor do destino que o agarda, foxe cunha presa de homes que aínda lle son fieis. 

Os veciños de Narla toman o pazo e envían, por unha banda, a Xan de Rodís a pedir xustiza perante o rei e, por outra, unha comitiva que debe informar a don Sancho do tráxico suceso. A veciñanza é a encargada do enterro de dona Catalina no mosteiro de Sobrado. Vinte días despois deste chega o seu pai, Sancho López de Santiso quen, acompañado por un delegado do rei e polo abade e algúns dos monxes de Sobrado, abre o cadaleito e descobre o corpo incorrupto da dona das Torres, coas mans postas sobre as dúas feridas que lle causara o seu home. Ao mesmo tempo Vasco das Seixas, refuxiado na casa do duque de Bragança, é asasinado polos homes deste.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño