Alira de Elfe
Manuel Lois Vázquez

Autora da ficha: Amelia Sánchez Pérez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

Alira de Elfe localízase na época do reino suevo de Galiza, na alta Idade Media (máis concretamente arredor do século V). Abarca os reinados de Hermengario e Genserico até a coroación de Hermenerico. No entanto, o tempo da historia é breve, podendo limitalo a uns poucos anos.


Personaxes:

As personaxes principais pertencen todas á historia de Galiza. Así, destacan os reis suevos Hermengario “o Xusto” e o seu fillo Hermenerico, xunto con Alira de Elfe.
Outras personaxes, tamén históricas, serían Genserico (irmán do rei), o conde Elfe e Heurico de Elfe. Tamén se nomean outras personaxes históricas (como a esposa e os dous fillos de Hermengario), que non participan nos feitos que se narran.


Acontecementos históricos:

Como xa mencionamos, a novela comeza coa coroación do rei Hermengario no Pico Sacro. Este sería o primeiro dos feitos históricos que se describen e que virá sucedido de moitos outros, como a revolta contra o conde Elfe na Limia ou a revolta de Braga. Igualmente, menciónase o intento de asasinato do rei na cova da Cintola (agora coñecida como a cova do rei Cintolo por este feito) ou outras loitas que tiveron lugar no reino suevo.
Cómpre mencionar que o propio autor afirma que segue o relato de Benito Vicetto sobre esta época histórica. Mesmo, en varias ocasións, utiliza as notas a pé de páxina para nos informar de que se afasta do relato de Vicetto.


Tema:

Podemos considerar Alira de Elfe unha novela romántica (a historia principal é o amor imposible entre Alira e o rei), aínda que a temática histórica ten un peso moi relevante no conxunto da novela (inzada de referencias de tipo histórico).


Narrador:

O narrador principal nesta novela é un narrador subxectivo en terceira persoa, que narra os feitos e que intervén no discurso narrativo, emitindo xuízos de valor e opinións sobre as personaxes en numerosas ocasións.


Espazo narrativo:

No que fai referencia aos espazos narrativos, os espazos exteriores son moi numerosos. Aparecen mencionadas as cidades de Lugo, Braga ou Mérida e a zona da Limia. Tamén teñen importancia na narración outros dous espazos: o Pico Sacro, onde son coroados os reis galegos, e as covas da Cintola en Mondoñedo, onde o rei acode para pasear e reflexionar. Canto aos espazos interiores, destaca o castelo do rei Hermengario e a torre de Alira (dos que non coñecemos a localización exacta), así como a torre de Castro Ares, onde reteñen o fillo do rei.


Estrutura narrativa:

Trátase dun relato lineal, agás pola presenza dalgunha prolepse. A máis significativa é a que ten lugar cando Alira lle conta a Hermenerico a morte dos seus irmáns a cargo do seu tío e a narración da súa vida que lle fai ao rapaz.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño