Alira de Elfe
Manuel Lois Vázquez

Autora da ficha: Amelia Sánchez Pérez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Alira de Elfe relata a historia das diferentes sublevacións que aconteceron no reino suevo de Galiza. A historia comeza no momento en que se celebra a coroación do rei Hermengario “o Xusto” no Pico Sacro.

No entanto, a alegría pouco lle dura ao novo rei e, días despois, ten lugar unha insurrección na Limia contra o gobernador, o conde Elfe. O rei acaba cos insurrectos, mais decapita o conde, ao coñecer os abusos deste contra o pobo.
Esta execución espertará as ansias de vinganza dos fillos do conde Elfe, Alira e Heurico, que inicia unha conspiración (axudado polo irmán e polo tío do rei). Planean matar o rei nunha das súas visitas á cova da Cintola, onde o rei acode con frecuencia para pasear en solitario. Porén, a conspiración non ten éxito e a garda real detén os insurrectos e envíaos a Lugo para seren xulgados. 

Alira, intrigada polo resultado vai á cova na procura de información. Alí atopa un home, un descoñecido para ela, que a informa de todo o acontecido (ese home non é outro que o rei, que si recoñece a filla do conde Elfe).

Xa en Lugo, estase a preparar a execución dos conspiradores. Alira sae ao encontro do rei e suplica pola vida do seu irmán (ao tempo que recoñece a imaxe do rei). Esa noite Genserico (irmán do rei) e Heurico logran fuxir. O resto son decapitados.

O rei continúa coas súas visitas á Cintola e, nunha delas, atopa de novo a Alira. A atracción entre eles é evidente e os dous se debaten entre a paixón e a vinganza.

Máis unha vez, o rei debe enfrontarse a unha revolta, esta vez en Braga. Gaña a primeira batalla, mais persegue os inimigos cara ao sur. Preto do Guadiana é acurralado e el e o seu exército perecen afogados no río. O rei morre co nome de Alira nos beizos.

Genserico é coroado rei e casa coa esposa do seu irmán. Mentres Alira, fondamente apenada, manda construír unha torre e péchase nela. Genserico pecha os tres fillos do seu irmán en tres torres e pretende matalos de inanición.

O menor dos rapaces, Hermenerico, moi parecido ao seu pai, é pechado na torre de Castro Ares. Alí hai unha serventa que lle leva alimentos ás agochadas. É Alira, que axuda o rapaz a escapar. Xa na súa torre, cóntalle toda a súa historia ao mozo. Este decide iniciar unha sublevación para recuperar o trono. Enfróntase a Heurico.

Heurico pide a intervención da súa irmá, mais ela négase a axudalo. Cando el a intenta asasinar na noite, ela escapa e morre afogada nun río. Finalmente, Hermenerico mata a Heurico e é proclamado novo rei.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011 
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño