A reina loba
Manuel Lois Vázquez

Autora da ficha: Amelia Sánchez Pérez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


No reinado de Genserico estase a organizar unha conspiración. Os condes Deza, Montrove e Naharive queren quitar do poder o rei. Este coñece a nova e, en lugar de iniciar unha loita, pídelle ao conde Deza a man da súa filla Oaria. A rapaza estaba xa prometida cun mozo de nome Acelo. 
O rei manda a Heurico a solicitar a man da rapaza e Deza pídelle tempo para amañar o compromiso. Tira a Acelo pola torre do seu castelo e dille a Oaria que este se suicidou. No entanto, a rapaza confesa o seu embarazo. Deza fala co rei e pídelle uns meses para a voda. Neses meses o rei desfaise da súa esposa, acúsaa de infidelidade e asasínaa. 
Genserico, feliz coa súa nova esposa, trata de deter a vinganza dos tres fillos de Ermengario (péchaos aos tres en tres torres). Mentres, a súa dona segue no castelo e Heurico confésalle o seu amor. Ela rexéitao airadamente. No entanto, Heurico ameázaa con contarlle ao rei a súa historia con Acelo e o seu embarazo. En consecuencia, Oaria accede a ser a súa amante. 
Nun dos seus encontros  Genserico volve e atopa a súa muller co amante.  Inician unha loita e, entre os dous amantes, matan o rei. 
Heurico é o novo rei e é coroado no Pico Sacro. Ao pouco tempo casa con Oaria. A raíña está namorada de Wintila, un soldado e solicita o seu amor. El pide o traslado para pór terra por medio e o rei concédello. A raíña non está contenta e o rei non sabe como compracela. Dille que a súa roseira está murcha e necesita un xardineiro. El pensa en Wintila e mándao regresar. 
Á beira da roseira, a raíña confésalle o seu amor. El non sabe que facer e pídelle consello a un amigo, que lle di que siga os mandados da raíña. Wintila vaise coa raíña e o amigo, traizoándoo, vaille contar a historia ao rei. Heurico descóbreos e busca un castigo para os dous. 
Finalmente, o rei córtalle os cabelos a Oaria e íspea publicamente, para despois mandala co seu pai. Wintila é liberado grazas ás súplicas da súa irmá, Argiovita. 
Mentres, a Oaria non lle permiten entrar no castelo do seu pai e marcha para a torre de Acelo na Limia. Alí chora constantemente. Un cazador, Gondomaro, oe os seus choros e entra. Finalmente, acaba xacendo con Oaria. 
Aos catro meses, xa está cansada do seu amante e insinúaselle ao seu amigo, Franquila. Como non saben como estar xuntos, Oaria pídelle que envelene o amigo e el aparece nese momento. Xura contra os dous e marcha. 
Franquila tamén marcha e Oaria tírase pola fiestra e morre ao pé da torre do castelo da raíña Loba (que pasa a chamarse así pola depravación da dona).




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011 
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño