As covas do rei Cintolo
Daniel Cortezón

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

A trama principal discorre en dúas xornadas. A primeira delas é a que o Cabaleiro pasa diante das Covas do Rei Cintolo chamando polo Demo Maior, esa noite cea no Castelo creado polo Demo e entrevístase con el, ao día seguinte parte cara Armórica co rabo do burro.


Personaxes:

O personaxe principal é o Cabaleiro da Centilante Espada. Del dise ao principio da obra que ese será o nome que reciba pois, pese ás moitas crónicas existentes das súas aventuras, o nome real perdeuse co paso do tempo. Os restantes personaxes funcionan como secundarios: o Demo Maior, a doncela propietaria da casa que se transforma despois no súcubo Zarrapallín Pedorrento; as doncelas que cean co Cabaleiro entre as que destacan as narradoras de contos: Catarina da Armórica, Locaia, filla dos Condes da Trépeda e Adelaira, dos Cibraos de Tras-os-Montes. Dous personaxes non interveñen directamente na acción mais son nomeados repetidas veces polo Cabaleiro: Paio, o seu escudeiro e a Señora Margarida, a súa muller e causante da necesidade que o Cabaleiro ten de conseguir o rabo do Demo Maior. Alén destes aparecen outros personaxes menores como o secretario do Demo, o Bispo de Mondoñedo, o curmán de Margarida e as outras doncelas presentes na cea: Zaira, “neta do xeque alarbio Alí Ben” e Tatiana Brasov Papolavich, “da caste dos csares de tódalas Rusias”. Nos contos aparecen outros personaxes que non interactúan cos da trama principal: Rabilúa, o trobador, Rosiña, o branco Cabaleiro, etc. Ningún dos personaxes presentes na novela ten fundamento histórico.


Acontecementos históricos:

Non hai ningún acontecemento histórico presente na novela. Cómpre salientarmos que se emprega en repetidas ocasións unha fonte falsa para buscar a verosimilitude da trama; trátase da obra Relembranzas do Cabaleiro da Centilante Espada, publicada en Cornualles no ano 1104. Cítanse varias edición da obra con lixeiras variantes, todas da man do Cabaleiro. A derradeira historia incluída fai referencia a un feito acontecido no ano 811, del dise que sucedeu douscentos anos antes do intre en que está a desenvolverse a trama do Cabaleiro; por tanto a novela céntrase temporalmente no ano 1011.


Tema:

Parodia dos libros de cabalarías. O Cabaleiro da Centilante Espada ten como obxectivo conseguir un anaco do rabo do Demo Maior, cando dá co Demo descobre que este non está interesado na loita e ofrécelle un pacto que poida satisfacelos a ambos.


Narrador:

Heterodiexético e omnisciente en terceira persoa. O narrador permanece completamente alleo á trama e actúa como un narrador-editor que se refire á existencia de versións diverxentes da obra que debe seleccionar para compoñer o relato completo (páxs. 100-101). Os contos intercalados na trama principal a través das doncelas contan con narradores heterodiexéticos e omniscientes en terceira persoa.


Espazo narrativo:

O espazo externo son as propias Covas do Rei Cintolo e os seus arredores. Como espazos internos salienta a casa onde acollen o Cabaleiro e se celebra a cea e o dormitorio do Demo Maior onde se produce o diálogo final.


Estrutura narrativa:

A estrutura da trama principal (procura do Demo Maior por parte do Cabaleiro da Centilante Espada) é lineal mais dentro dela intégranse catro relatos, tres deles contados durante a cea polas doncelas co obxecto de se distraeren (seguindo así o esquema do Decamerón de Giovanni Boccaccio) e o derradeiro narrado polo propio Demo para xustificar o súa carencia de rabo e dar pé ao fin da historia.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño