As covas do rei Cintolo
Daniel Cortezón

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Paratextos:

O limiar da novela constitúeo unha “Carta a Daniel Cortezón Álvarez” escrita por Ramón Piñeiro. No texto Piñeiro declara a súa sorpresa por non ter sabido antes do autor, sendo ademais de terras de nacemento próximas. Analiza posteriormente o estado da literatura galega facendo fincapé na narrativa a través de Ánxel Fole e Álvaro Cunqueiro. Finalmente, Piñeiro vincula o rexurdir da literatura galega co período medieval afirmando que o renacemento da poesía no século XX veu da man do neotrobadorismo do mesmo xeito que a materia de Bretaña é o tema elixido por narradores como os citados e o propio Cortezón. 
A edición de 1956 inclúe pequenos debuxos de animais reais ou seres míticos ao inicio de todos os contos, o “Conto do troveiro camiñante” presenta tamén un debuxo ao final. Cada un dos contos aparece separado da trama principal por, como mínimo, unha páxina singularizando o título do conto. Non afecta esta división editorial ao desenvolvemento da historia posto que os seus personaxes interactúan entre eles igualmente nos contos intercalados.


Outros textos literarios integrados no volume:

Non hai no volume textos alleos á novela mais no desenvolvemento da trama principal preséntanse catro contos de diferentes xéneros: “Lenda, ou conto, do rabo roubado do burro enmeigado”, “Conto da saudade vagariña”, “Conto do troveiro camiñante” e “Historia do branco cabaleiro da verdecente Eirín”.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño