As covas do rei Cintolo
Daniel Cortezón

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


O Cabaleiro da Centilante Espada deixa atrás as terras de Ribadeo co obxecto de viaxar até as Covas do Rei Cintolo e alí enfrontarse co Demo Maior. O obxecto que ten esta expedición é obter un anaco do rabo do demo para entregarllo á súa muller, Margarida, que o quere para facer un feitizo que desenmeigue a un curmán seu convertido en papagaio. Durante o tempo que dure a aventura do Cabaleiro Margarida fica no castelo da Armórica acompañada de Paio, o seu armíxero. Nas referencias que o Cabaleiro fai sobre Margarida e Paio hai constantes insinuacións da existencia dunha relación entre eles, motivo real polo que Margarida insistiría na marcha do seu home.

O Cabaleiro da Centilante Espada chántase diante das covas berrando polo Demo, mais este non aparece. O protagonista dá por feito que tivo medo e marcha descansar co obxecto de retornar ao día seguinte. Decide pedir permiso para pasar a noite nunha construción que non é quen de determinar se é casa, castelo, pazo, mosteiro ou castro que observa nos arredores.
Peta á porta e aparece unha fermosísima doncela diante da que o Cabaleiro se presenta facendo gala tanto do seu rexio avoengo como do do seu cabalo. A doncela fai chamar a outras dúas mozas que o conducen ao seu cuarto e o asisten mentres se baña e se acomoda. Despois do baño acode á cea a penas vestido coas roupas que levaba por debaixo da armadura. Á mesa están sentadas varias fermosas doncelas que lle son presentadas polas súas liñaxes, unha delas é Catarina da Armórica, parente afastada da súa muller Margarida.

Na mesa sucédense varias comidas e corre o viño. O derradeiro prato é rabo de tenreira que fai que o Cabaleiro sospeite que algo hai de estraño en casa tan principal que serve un prato tan pobre coma ese. Rematada a cea unha das damas propón que se conten historias para pasar mellor a velada. Comeza Locaia, filla dos Condes de Trépeda, coa “Lenda, ou conto, do rabo roubado do burro enmeigado”.

O conto sitúase no ano 44, en Armenia, na provincia de Trépida, na cidade de Carcax. Alí vive Zoroastro Nefelibato Asar, coñecido por todos como Rabilúa. Este home posúe un burro coa habilidade de ver o futuro e escribilo co rabo. Tal calidade lévao a se converter en conselleiro da súa Maxestade Impeirante Dadai Ulacita IV. O burro ten grande éxito aconsellando o rei e Rabilúa vive con todas as comodidades grazas a el. A habilidade do burro esperta envexas entre os monarcas veciños e así o rei Addu Adda reclama a nacionalidade do burro. As diferenzas entre os rexentes levan a unha batalla que Addu Adda perde. Aconsellado pola súa muller contrata un meigo que consegue que a cola do burro se desprenda. Diversos científicos analizan o burro mais non conseguen que o burro volva escribir nin tampouco dan co rabo roubado.

Adelaira dos Cibraos de Tras-os-Montes é a segunda narradora. Pretende relatar “O conto dun can rebuldeiro que tiña o rabo malencónico”, mais ante os rogos do Cabaleiro inicia un relato romántico; o “Conto da saudade vagariña” no que aparece unha doncela á beira do río Eo, que oe unha música moi fermosa e remata tirándose ao río.

Comeza a historia de Catarina de Armórica cando o cabaleiro xa está bébedo. Catarina relata o “Conto do troveiro camiñante”. Nel un trobador viaxa entre a Veiga do Eo e Meira cando atopa un grupo de doncelas que lle piden que cante algo para elas. O trobador pide a cambio un bico dunha delas, Rosiña. Ela négase avergoñada e el marcha. Coa súa partida ela fica consumíndose e chea de saudades por el.

Rematado o conto, escóitanse doce badaladas, cae un raio e vaise a luz. O Cabaleiro quere botar man da espada mais deixouna no seu cuarto. Invoca as leis da cabalaría para que o Demo Maior, que intúe como atacante, lle permita ir vestirse, armarse e pór baixo a súa protección ás doncelas. Mira ao seu arredor mais non ve a ningunha das mozas, berra por elas ameazando con deixalas alí até que se abre unha fenda no chan e o cabaleiro cae por ela. Cando chega ao fondo descobre unha serie de cuartos sucesivos nos que cheira enormemente a xofre. No último atopa á fermosa propietaria da casa que está a agardalo. Ela explícalle que serve ao Demo Maior e que ten por misión levalo onda el. O Cabaleiro cre que ela tamén caeu pola fenda e non asume o que di até que ela confesa que, en realidade, é un súcubo ao servizo do Demo e que o seu verdadeiro nome é Zarrapallín Pedorrento.

O Cabaleiro déixase conducir por Zarrapallín aos apousentos do Demo Maior onde este está a descansar na cama por mor dun catarro. O Demo explícalle que tivo que facelo chamar posto que os berros que estivera a dar impedíranlle facer a súa sesta habitual. El manifesta estar farto das chamadas á loita e declárase home de paz.

O Cabaleiro insiste na idea do combate acatando as leis de cabalaría. O Demo replícalle que xa non ten rabo posto que o foi regalando a cambio de non combater a todos aqueles que se presentaron diante das covas que emprega como residencia de verán. Narra entón a “Historia do branco Cabaleiro da verdecente Eirín” que douscentos anos atrás, no ano 811, foi o último en facerse cun anaco do seu rabo para curar o ramo cativo que padecía Crimafrol, filla do voivoda de Kiev coa que casou cando conseguiu curala.

O Cabaleiro áchase desesperado xa que teme a reacción negativa de Margarida se regresa sen o rabo. O Demo propón entón darlle un rabo falso para evitar a ira da súa muller; o que lle entrega é o do burro de Rabilúa, adobado convenientemente para que ula a xofre e ela non desconfíe. O Cabaleiro fica satisfeito coa solución ofertada, volve á superficie, peregrina até Santiago de Compostela e volve á Armórica onde lle entrega o rabo a Margarida. Ela fai a beberaxe para curar o seu curmán que deixa de ser un papagaio para transformarse nun burro.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño