A tecedeira de Bonaval
Antonio López Ferreiro

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

Tres anos, entre 1543 e 1545


Personaxes:

Poucos son os personaxes históricos que consignamos na novela e ningún deles se atopa entre os principais, entre eles están D. Gaspar (Arcebispo de Compostela) que se identifica con Gaspar Avalos de la Cueva, arcebispo compostelán entre 1542 e 1545, Vasco de Viveiro e Pedro de Arouza.
Entre os personaxes ficcionais cómpre salientar a Catalina/Catuxa (tecedeira), Taresa (a súa filla), Rodrigo Abril, Gonzalvo, Froitoso de Ulloa e Rodrigo de Bendaña como os principais no desenvolvemento narrativo. Nun plano secundario sitúanse Urraca e Aldara (irmás de Rodrigo Abril), Gregorio Mercado, Nicolao e Cutrín que forman parte dos artesáns aldraxados polo exército no inicio da novela; os participantes nas xuntas que se disputan o goberno da cidade: Xan López de Cangas, Xan de Casal, Marcos Picado, o Bacharel Plasencia, Froitoso Galos, Martín Galos, Alonso Pérez, Jácome Yáñez e, por último, un monxe de San Francisco, o Padre Díez. Algúns personaxes non aparecen individualizados cun nome propio como é o caso da nai de Rodrigo Abril.


Acontecementos históricos:

As liortas entre o poder eclesiástico e o poder civil tendo como marco principal a cidade de Santiago de Compostela a mediados do século XVI.


Tema:

A obra conta con dous temas principais que entran en contacto a través dos personaxes que actúan nun e noutro. En primeiro lugar a anécdota máis inmediata é a historia do amor frustrado entre Taresa e Rodrigo Abril na que interveñen constantemente Gonzalvo, pretendente de Taresa, e Catalina, que prefire a este último. O tema que se presenta alternando con este é o das loitas entre poder eclesiástico e poder civil na cidade.


Narrador:

Extradiexético e omnisciente en terceira persoa. López Ferreiro asume o papel de autor implícito ao incorporar comentarios que permiten transmitir a súa liña ideolóxica á hora de interpretar a obra.


Espazo narrativo:

Case todos os acontecementos se suceden na cidade de Santiago de Compostela. Nesta salientan especialmente a Rúa de San Pedro e Bonaval, destacando canto aos espazos interiores a casa de Catalina e Taresa, a casa de Froitoso de Ulloa e a Catedral. Outros espazos mencionados que adquiren relativa importancia na novela son a vila de Boiro e Valladolid.


Estrutura narrativa:

O desenvolvemento da trama é lineal mais duplo posto que coexisten dúas historias centrais cuxos protagonistas entran en contacto a través dos personaxes principais.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño