A tecedeira de Bonaval
Antonio López Ferreiro

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Catalina, a tecedeira de Bonaval, acode á casa de Rodrigo de Bendaña co obxecto de pedirlle consello acerca do casamento que debe preparar para a súa única filla, Taresa. Catalina pretende casala con Gonzalvo, un dos serventes de Froitoso de Ulloa, que hai tempo que a visita na casa e que conta, pois, co visto bo da nai mais Taresa está namorada de Rodrigo Abril, un seu veciño que é orfo de pai e que coida da súa nai e as súas irmás (Urraca e Aldara). Catalina oponse á voda con Rodrigo posto que cre que o futuro da súa filla non estará tan ben asegurado como nas mans de Gonzalvo.

Rodrigo de Bendaña aconséllalle que deixe que sexa o corazón de Taresa o que elixa libremente. Debido a isto Catalina comeza a desprezar lixeiramente a Gonzalvo. Intuíndo certo arrefriamento por parte de Catalina na concesión da man de Taresa, Gonzalvo acode á casa destas antes de partir a Valladolid cunha encarga do seu amo. O seu regreso atrásase preto de tres meses e volve completamente esgotado. Unha vez recuperado ten intención de dispor os preparativos do casamento con Taresa mais debe partir novamente, esta vez a Boiro, para axudar ao seu amo a defender as súas propiedades da chegada das tropas francesas. Nada máis regresar declárase a Taresa mais esta rexéitao claramente. Pese a que Gonzalvo recoñece que durante o tempo que pasou en Boiro os seus sentimentos cara a Taresa cambiaron non pode negar o seu enfado. Xura vingarse de Taresa e decide facelo a través de Rodrigo Abril. Agarda por el á saída do seu traballo mais unha serie de malentendidos lévano a ser asasinado a mans dos criados do alguacil menor Rodrigo de Mercado. Catalina culpa a Rodrigo e mesmo a súa filla da morte de Gonzalvo, feita esta acusación enferma gravemente e non permite que Taresa a coide.

Mentres tanto os personaxes de clase social alta desenvolven outra trama que discorre paralela. O poder civil da cidade áchase dividido nos bandos de Froitoso de Ulloa, partidario de limitar o poder do arcebispado, e de Rodrigo de Bendaña que apoia ao arcebispo Don Gaspar. Froitoso de Ulloa reúne un grupo de notábeis que tratan de desestabilizar o poder eclesiástico co fin de obter maior poder e artellar unha alternativa favorábel aos seus obxectivos na xunta electoral que decidirá os membros do goberno local para o vindeiro ano. O pobo, fortemente mediatizado polos compañeiros de Froitoso de Ulloa, ataca a Rodrigo de Bendaña e seus homes, decidindo que Xan de Cangas sexa nomeado próximo rexedor da cidade.

Bendaña vese obrigado a fuxir da súa casa e pide refuxio na de Catalina e Taresa. É nese momento cando se informa do estado de Catalina e decide intervir. En primeiro lugar procúralle un médico e despois, mentres o seu estado vai mellorando, convéncea de que Rodrigo Abril e Taresa non tiveran nada que ver na morte de Gonzalvo. Catalina cede e finalmente prodúcese o matrimonio da súa filla con Rodrigo.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño