Fra Vernero
Ramón Otero Pedrayo

Autora da ficha: Amelia Sánchez Pérez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

Fra Vernero localízase temporalmente nos séculos XVIII e XIX. Coñecemos a Zacarías Werner por ser unha personaxe real que viviu entre os anos 1768 e 1823. No entanto, na novela coñecemos a un Werner xa adulto, polo que o comezo do tempo da historia se aproximaría ao final do século XVIII. Canto ao remate, non hai dúbida de que o relato finaliza no outono de 1823, o momento en que dous dos monxes de Mariazell comentan a morte de Werner en Viena.
Desta maneira, consideramos que o tempo da historia abranguería arredor de tres décadas entre os finais do século XVIII e o ano 1823.


Personaxes:

Sen dúbida a novela Fra Vernero vai ter como personaxe principal e case única a Zacarías Werner (podendo mesmo chegar a pensar en adscribir a novela ao xénero da novela de formación ou bildungsroman).
A través das dúas lembranzas asistimos á súa mocidade en Koënigsberg. Coñecemos o seu traballo como funcionario e como escritor en Varsovia e en Berlín e, no remate do relato, presenciamos a súa conversión ao catolicismo e a súa ordenación monacal.
Por tanto, a novela céntrase na vida, desde a súa formación até a súa morte, desta personaxe protagonista.
Outras personaxes menores, que son nomeadas mais case non ocupan lugar na narración, serí an a nai de Werner, Hoffmann, Goethe, Madame Staël, Fra Gaetano ou o príncipe Dalber.


Acontecementos históricos:

A pesar da forte pegada da novela de formación neste relato, podemos describir Fra Vernero como unha novela histórica, pois os acontecementos históricos aparecen presentes en todo o desenvolvemento da trama argumental.
Os feitos históricos son o pano de fondo constante, aínda que non son descritos en detalle e en moitas ocasións simplemente se nomean. Algúns acontecementos dos que se fai mención son os que relatamos a seguir: a constitución de Locke para Carolina do Sur, o tratado de Westfalia, o imperio de Federico II, a batalla de Fonteney entre as tropas inglesas de Cumberland e as do Delfín de Francia, a morte na guillotina de Chenier, a chegada do exército revolucionario a Italia, o apresamento do Papa polas tropas de Napoleón ou a batalla de Waterloo.
Por outro lado, resulta sumamente interesante o catálogo de personaxes históricas que desfilan polas páxinas de Fra Vernero: Hoffmann, Goethe, Madame Staël, Herder, Voltaire, Kant, Swendborg, Newton, Lutero, Hugo Fóscolo, Mozart, Rousseau, Chauteaubriand, André Chenier, Novalis, Robespierre...


Tema:

Consideramos Fra Vernero unha novela esencialmente histórica posto que a súa finalidade principal é a de describir a sociedade europea de comezos do século XIX, nomeadamente no que afecta á súa vida cultural e artística. No entanto, non podemos esquecer o peso que o bildungsroman ou novela de formación tería nesta narración.


Narrador:

O narrador principal en Fra Vernero é un narrador obxectivo en terceira persoa, que narra os feitos e que non intervén no discurso narrativo, limitándose a describir os acontecementos tal e como sucederon.


Espazo narrativo:

Esta novela vai destacar polos numerosos espazos en que se desenvolve a trama. Os primeiros capítulos van ter lugar nas rúas da cidade de Varsovia que, xunto con Berlín e con Viena, ser á o espazo principal.
Porén, existen outros espazos que debemos mencionar: Koënigsberg (a cidade natal do autor), Tubinga, Frankfurt, diferentes cidades de Suíza e de Italia ou Salzburgo. Digno de mención será tamén o mosteiro de Mariazell, en que Werner pasa parte dos seus derradeiros anos.


Estrutura narrativa:

Trátase dunha narración lineal, mais en cuxo discurso narrativo son moi frecuentes as analepses, en que o autor lembra a súa infancia.
Así, no capítulo II, Werner lembra a súa nenez en Koënigsberg, o traballo de seu pai como profesor de universidade e o momento en que este morreu.
Igualmente, resulta significativo o capítulo V, en que o relato se desloca temporal e espacialmente a través de diferentes cidades europeas (Padua, Salzburgo, Windsor, París…) para nos relatar diferentes feitos históricos.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño