O mesón dos ermos
Ramón Otero Pedrayo

Autora da ficha: Laura Mariño Sánchez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

A novela comeza aproximadamente no ano 1831 e remata sobre o ano 1842. A referencia temporal principal que fai que situemos a novela neste marco é a volta do Xepe das Indias oito anos despois de ter marchado, xusto cando a primeira guerra carlista remataba (1840).


Personaxes:

O personaxe ao redor do que xira a novela é o Xepe, alcumado o “Martuxo” na súa terra; fillo de solteira e abandonado pola nai ao coidado do avó (o señor Cilistro) e das súas tías. De entre elas, ten especial relevancia Catuxa, que tras a morte do seu pai convertirase nunha tola inocente respetada pola comunidade.
A compañeira sentimental do Xepe é fundamentalmente dona Florinda, cubana sempre morriñenta da súa terra e con arelas de ir vivir a unha cidade. A outra muller importante na súa vida é Bibiana, rapaza da aldea namorada dende pequena del e casada por consello dos pais co ferreiro das Bouzas.
Entre a fidalguía destacan don Pedro de Agra, herdeiro ilexítimo do pazo do Pombeiro, e don Xacobe, verdadeiro herdeiro. Ao redor do pazo de Vilarpunteiro están don Feles e a súa filla Xulia.
Existen dous personaxes relixiosos principais e confrontados: dunha banda, frei Xosé María Silva, o frade exclaustrado que viaxa con don Xacobiño e que arela os tempos do Antigo Réxime, e, doutra banda, o crego don Macías da Pena Moura, alcumado o “Teixugo”, coñecido polos seus namoros e que queda ao mando do pazo do Pombeiro na ausencia de don Pedro, sen saber gobernar nel. Tamén aparece un crego absolutista e carlista, o crego de Fonteazoreira.
Outros: Paio (o arrieiro), o mestre de Cotobade (constrúe o mesón), Mister Murchisón (inglés que para no mesón nos tempos da descuberta do estaño na serra), o “Bocareu”(albeitario de Rozamonde) e a súa banda de ladróns, Jimmy (tripulante dun barco atracado no porto da Coruña), criados, empregados do mesón, o maxistrado, o escribán...


Personaxes históricos:

Non hai personaxes históricos que interveñan no fío narrativo da novela, mais si aparecen conformando o marco histórico da acción. Así, cítase a participantes nas guerras carlistas como o comandante Velasco, os soldados de Gómez, Cabrera... E no bando liberal,  Espartero.
Cando don Xacobiño recorda os seus anos como estudante en Compostela véñenselle á cabeza os seus compañeiros da familia Faraldo e Antonio Neira, cos que falaba da vellez de Chateaubriand e do enterro de Larra.
O militar francés do que se namora Xulia recítalle a Ana Radcliffe e René, e cando viven en Francia ela é comparada pola súa vestimenta con George Sand. 
Outros: Felipe V, o cardenal Quevedo de Ourense, Mendizábal, o Rei de Portugal, os Pais da Compañía, o emperador Carlomagno...


Acontecementos históricos:

Na novela faise un bosquexo dos cambios producidos na época sen entrar en profundidade no dato preciso con frases do tipo: “Demudaron no pazo os antigos costumes”, “No Pombeiro non se misaba nin a xente ía parroquia”, “Cecais co tempo faríase unha estrada prós carromatos e coches...”, etc.
Os principais acontecementos históricos citados son: a primeira guerra carlista, a creación das partidas, a desamortización de Mendizábal (1836), as operacións do comandante Velasco, a loita de Espartero contra os soldados de Gómez (1837), o enterro do Fígaro (Mariano José de Larra: 1837), a chegada de Cabrera a Vallecas (1837) e a chegada da industria a Galicia (descuberta do estaño na serra).
Tamén existen referencias á francesada (1808) nas analepses.
                                                                                                                                                                Inicio

Tema:

O tema principal é a sede insaciable de poder do Xepe, que vai alcanzando por medios escuros, e que finalmente o levará á destrución. Este tema corre paralelo aos cambios producidos na sociedade rural galega na primeira metade do século XIX.
Outros temas: nostalxia polo Antigo Réxime, decadencia e febleza da fidalguía, desamortización dos bens da igrexa, aparición das partidas carlistas, importancia e simboloxía do camiño, ineficacia do sistema xudicial, eficacia da xustiza da tola inocente, chegada da industria á serra...


Narrador:

O narrador principal é heterodiexético, en terceira persoa, cunha focalización omnisciente. Ao principio da novela descóbrese como autor implícito ao dicir “Pro por o tempo diste conto a xente era bandulleira e témera”, como contraposición aos tempos antigos en que a xente era valente.
En ocasións escoitamos as voces dalgúns personaxes que dentro dun diálogo adquiren máis peso e se converten temporalmente en narradores. É o caso de Paio, o arrieiro, grazas ao cal sabemos da usurpación do pazo do Pombeiro por parte dun fillo ilexítimo.
Na viaxe que fan don Xacobiño e frei Xosé María Silva, os dous falan como para si mesmos da nostalxia que senten polo pasado, e na conversa que teñen na reitoral co crego de Fonteazoreira, este fálalles da súa situación tras a desamortización de Mendizábal e dos últimos sucesos relacionados coas partidas carlistas. Tamén Mister Murchisón fai de narrador para a xente do mesón contando con humor as súas pequenas historias.


Espazo narrativo:

O espazo central da novela é o lugar das Lamas do Ermo. A través da descrición da serra e das terras do redor sabemos que se caracteriza pola súa pobreza e illamento, situación que cambiará a partir da construción do mesón.
Outro espazo importante son as terras do pazo do Pombeiro, en principio propiedade dun fidalgo corrupto que desprazou o verdadeiro herdeiro e que ao final serán do Xepe.
En varias ocasións os personaxes desprázanse á Coruña, cidade especialmente importante polo seu porto e, polo tanto, por ser sitio de chegada e de partida. Da Coruña saen para as Indias, á Coruña vai o Xepe para resolver algúns dos seus asuntos, á Coruña foxen el e mais Bibiana, que finalmente morrerá alí abandonada. As principais localizacións empregadas nesta cidade son a praza da Fariña, O Parrote, O Cantón, a praia de San Amaro, Capitanía...
Outros lugares citados: Madrid (onde vivía don Feles coa súa familia), o pazo de Vilarpunteiro, Francia (alí foxen Xulia e o seu amante militar a facer a Revolución), Canadá (a onde marchan Mister Murchisón e Xulia)...
Canto aos espazos interiores, destaca o mesón, pois nel teñen lugar a maioría das accións e acaba sendo un símbolo do poder corrupto.


Estrutura narrativa:

A estrutura da novela é circular, xa que comeza e remata nas Lamas dos Ermos. O Xepe marcha dalí para satisfacer a súa sede de poder e volve “feito un bicho” para demostrar a todos a súa grandeza. O ritmo narrativo é rápido e o círculo péchase no final cando a xustiza reclamada ao longo do relato pola Catuxa conséguese grazas ao lume purificador.
Malia que O mesón dos ermos se caracteriza pola súa linealidade, existen algunhas analepses a partir das que coñecemos o pasado dos personaxes (coma no caso da historia de don Feles e a súa filla Xulia, que se remonta a pouco antes da francesada), ou a través das que sabemos como viviu un episodio a outra parte afectada (cando o Ferreiro das Bouzas coñece a noticia da fuxida da súa muller e emprende unha busca desesperada).
Doutra banda, na presentación de don Xacobe prodúcese unha prolepse que nos avanza que moitos anos despois aparecerán nun libro vello os seus escritos e poemas.
                                                                                                                                                                                                   Inicio



       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011 
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño