O pastor de doña Silvia
Aurelio Ribalta

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

O tempo interno da historia discorre entre o Nadal, época de colocación do nacemento, e o inicio da relación entre dona Silvia e Goros após os corenta días vaticinados pola xitana, na festividade de San Miguel (29 de setembro), de forma que a trama transcorre en aproximadamente nove meses. No capítulo final realízase unha prolepse que avanza o futuro dos fillos do matrimonio.


Personaxes:

Os personaxes principais son dona Silvia e Goros Vázquez, a parella de namorados cuxa relación centra a trama. Entre os secundarios cómpre destacar os pais de dona Silvia: don Lourenzo Porras e dona Inés Oxea e o seu tío don Iván Porras. Outros personaxes presentes na novela son Toxeiro, o fiel criado da familia Porras; a xitana nova e a xitana vella que falan con Silvia en Arca; Froitoso e Antona, pais de Goros; Manoel (irmán de Goros); os de Perguntoño e Marica e Tucha, vasalos todos eles de don Lourenzo, xunto con algúns criados e criadas de dona Silvia que non aparecen singularizados.
Ao principio da obra hai unha referencia a dous personaxes: don Pedro Varela Sampaio, alguacil maior da Inquisición de Cartaxena de Indias e o escultor Montañés, identificado en nota a rodapé como Xan Martínez Montañés do que se di que morreu en Sevilla en 1649. Don Pedro foi o encargado de traer de América a madeira coa que Montañés realizou a figura do pastor do nacemento. Estes dous son os únicos personaxes que achegan referencias históricas.

 
Acontecementos históricos:

Non hai un acontecemento histórico que sirva como marco da novela. O tribunal da Inquisición para Cartaxena de Indias foi fundado en 1610 e na propia novela se ofrece como data da morte do escultor da figura do pastor (Montañés) o ano 1649 polo que os acontecementos que se relatan poden encadrarse na primeira metade do século XVII.


Tema:

O namoramento de dona Silvia e Goros, dificultado polas diferenzas de clase. A novela sentimental mestúrase con elementos fantásticos relacionados co vaticinio da relación prognosticado pola xitana.


Narrador:

Heterodiexético e omnisciente en terceira persoa.


Espazo narrativo:

A acción desenvólvese fundamentalmente en dous espazos, o urbano representado por Santiago de Compostela a través da rúa Travesa e da rúa de San Pedro e o rural representado pola localidade da Curiscada. Neste caso destaca a fraga que rodea a casa pola transcendencia que ten no desenvolvemento da historia amorosa entre Goros e dona Silvia. O outro espazo relevante na novela é a vila de Arca, lugar onde fica a descansar a familia de dona Silvia e onde lle é prognosticado o seu futuro matrimonio. Predominan os espazos exteriores sobre os interiores.


Estrutura narrativa:

A obra mantén unha estrutura lineal. O único salto temporal é o que aparece no final da novela cando se adiantan os futuros éxitos dos fillos de dona Silvia e Goros.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño