O pastor de doña Silvia
Aurelio Ribalta

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Don Lourenzo reside en Santiago de Compostela. A súa familia posúe un nacemento coñecido e admirado por toda a veciñanza. A súa filla, dona Silvia, sente un cariño especial pola figura dun pastor que garda no seu cuarto e coida con agarimo. Don Lourenzo decide a mudanza da familia á casa que posúen na Curiscada. O camiño faise longo e don Lourenzo e a súa muller, dona Inés, detéñense a descansar na localidade de Arca. A partida atrásase algo máis do previsto e esa circunstancia é aproveitada por dona Silvia para dar un pequeno paseo acompañada por algunhas das súas criadas. Atópanse cun grupo de xitanas e unha xitana anciá achégase a dona Silvia para ofrecerlle que unha xitana moza lle bote a boa ventura. Dona Silvia acepta e a xitana predille que nun prazo máximo de corenta días ha namorarse perdidamente dun home que ela leva consigo na viaxe, en referencia á figura do pastor que viaxa especialmente coidada xunto cos efectos persoais da moza. Ela renega do vaticinio, mais cando se instala coa súa familia na casa da Curiscada descobre a Goros Vázquez, fillo dos caseiros. Dona Silvia comeza a reflexionar sobre os seus intereses sentimentais, decatándose do fastío que lle provocan os mozos da cidade e do interese que nela espertan os mozos aldeáns. Dando un paseo e cavilando sobre os seus sentimentos cae, mancándose nun nocello e nos cadrís, pide auxilio e é Goros quen acode, tómaa nos seus brazos e lévaa até a súa casa. Goros confésalle a Silvia que está namorado dela, ela correspóndelle mais a partir dese intre comeza a súa angustia polo posíbel rexeitamento do seu amor por parte dos seus proxenitores. Dona Silvia aproveita unha visita do seu tío paterno, Iván Porras, cóengo da catedral de Santiago, para confesarse con el. Don Iván non o dubida e resolve el mesmo a situación entre os pais de dona Silvia e a parella de namorados. O último capítulo funciona como un epílogo ao achegar datos sobre a feliz vida matrimonial de dona Silvia e Goros e o afortunado futuro profesional dos tres fillos que terán.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño