Os camiños da vida
Ramón Otero Pedrayo

Autora da ficha: Laura Mariño Sánchez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


A través da historia de dúas familias fidalgas rurais de diferente posicionamento político (carlistas e liberais) asistimos á transformación da sociedade galega do século XIX: coa chegada das novas institucións do estado liberal atrás quedan os valores do Antigo Réxime. Dunha banda, a familia dos Doncos representa un pasado que non é quen de subsistir; a través dela nárrasenos a historia da decadencia da fidalguía. Doutra banda, os Puga simbolizan a esperanza grazas ás súas novas xeracións (Ramoniña e Paio). Deste xeito, existe na novela unha contraposición entre os fidalgos fracasados, que se deixan sucumbir ante os cambios e acaban por perdelo todo, e aquela fidalguía ideal que cre en Galicia, está comprometida e loita polo mantemento da súa caste. 

Canto aos chamados "señores da terra", don Caetano de Doncos, definido como “nugallán”, “abúlico” e “apoucado”, pasa de ser un señor todopoderoso a un “parvo”, “afundido nun sillón”; vai sufrindo unha progresiva decadencia física, moral e económica ao financiar as partidas carlistas e deixar que os seus bens sexan administrados polos Tutanos (non pertencentes á fidalguía). Pola súa parte, don Xosé María Puga presenta rasgos máis positivos pero cae tamén como consecuencia dos seus namoros ao permitir que a casa da Burata prospere a costa do seu pazo e da súa propia filla. 

Dona Ramoniña, a “maorazga” dos Puga e protagonista da segunda parte, é unha personaxe loitadora, comprometida, chea de forza e dignidade, respetada polos labregos e con capacidade de mando, que fai todo o posible para que a decadencia de clase non acabe coa súa familia; leva as rendas do pazo sen unha mala palabra cara o seu pai e loita até conseguir sacar adiante o seu sobriño. Paio Soutelo fórmase ao longo da novela deixando sempre á luz a validez para os estudos; así, moitos teñen postas grandes esperanzas nel, especialmente a súa nai e os seus tíos; tamén todo Trasouto, que ve a posibilidade de mellorar e adquirir prestixio tendo un médico rural na aldea. Grazas ás charlas co tío Adrián, vai descubrindo Galicia e a necesidade de comprometerse coa súa terra. Adrián, intelectual frustrado con aspecto de dandi, espera que Paio sexa o que el non puido ser e por iso tenta adoutrinalo na conciencia galeguista. 

Ao longo da terceira parte (O estudante) Paio está constantemente preocupado por cumprir coa familia, que tanto se estaba a sacrificar para que el puidese estudar; o seu obxectivo é darlles unha vellez digna a súa nai e a Ramoniña. Por iso, pon todo o empeño nos estudos e consegue unha praza de alumno no hospital. A medida que se aproxima o final da carreira aumentan as dúbidas sobre o seu futuro: gustaríalle ir a Madrid a facer a tese de doutoramento e logo acadar unha cátedra na universidade, mais non pode decepcionar a familia. Así, vendo a felicidade da nai e da tía, non é quen de expresarlles as súas dúbidas e a novela remata con Paio traballando como médico rural en Trasouto. 

En relación aos cambios producidos na sociedade e, en concreto, na aldea, a noticia da desmortización de Mendizábal coa que se abre a novela supón a primeira pedra de todo o que se aveciña facendo que as tornas viren ao seren substituídos no “poder” os chamados “señores da terra” (fidalguía e clero) polas novas clases sociais que representan tendeiros, escribáns, funcionarios...; estes rexen a súa vida por un espírito individualista e capitalista que non respecta as tradicións e a cultura propias do lugar. Neste sentido, destaca o capítulo V da terceira parte titulado “Variacións na paisaxe”, onde Trasouto presenta unha imaxe irrecoñecible coa chegada da "carreteira"; feito que é considerado por todos como algo negativo, xa que supón a perda de autonomía da economía rural e unha porta de entrada a todo tipo de cambios foráneos. Un claro exemplo é o caso do "castellano", un tendeiro que se instala na aldea ao reconstruír unha casa abandonada que converte nunha tenda moi frecuentada polos veciños; grazas aos negocios que leva a cabo co escribán "o Estorniño" media aldea está endebedada e sen terras. Por outro lado, no episodio da segunda parte titulado “O barco negreiro” evidénciase a fame e a miseria que a xente da aldea pasou na época retratada e que foi aproveitada por xente como o Habaneiro, o señorito do Casar das Tres e o señor Trepapouco, que fixeron negocio vendendo homes enganados como emigrantes.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño