Os camiños da vida
Ramón Otero Pedrayo

Autora da ficha: Laura Mariño Sánchez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

A novela comeza un serán de setembro de 1836 coa noticia da publicación dun dos decretos da desamortización de Mendizábal e remata unha noite de primavera do ano 1868, coa preparación da revolución.


Personaxes:

Os personaxes principais son aqueles ós que fai referencia o título de cada parte: Os señores da terra (don Caetano de Doncos e don Xosé María Puga), A maorazga (Ramoniña) e O estudante (Paio Soutelo). Tamén destaca Adrián Soutelo, tío e inspirador de Paio. Ademais desta fidalguía rural, aparecen na novela personaxes pertencentes á fidalguía urbana como o señorito do Casar das Tres e a familia de don Bernaldo de Moscoso, coa súa filla Xulia.

O obxectivo da novela é ofrecer unha imaxe de todo o tecido social de Galicia no século XIX, de aí que existan moitos personaxes “tipo
deseñados esquematicamente e que contribúen a dar unha imaxe global da sociedade. Entre o clero están don Xacobe de Castro o abade de Trasouto asociado ao carlismo xunto con don Caetano e o monxe de Oseira –frade exclasutrado tras a desamortización. O campesiñado apenas está individualizado e funciona como un coro que se move ao redor dos pazos; así, aparencen criados e mordomos como Gumersinda, o señor Tenancio e Clemente Zaparín, e veciños como a familia Corda, Bibiana da Burata e a Raíña da Canella. Progresivamente van xurdindo novas clases sociais como consecuencia da entrada do capitalismo e das transformacións que experimenta Galicia. Entre elas están a figura do recadador, o delegado de facenda, o escribán (o señor Trepapouco, o Estorniño), o tendeiro (o castellano, Bertha e o seu pai), o boticario, o Habaneiro, os Tutano... A través de Paio Soutelo retrátase o ambiente estudiantil das cidades de Ourense e Santiago (estudantes, mestres, donos das pousadas, porteiros das escolas...). Entre os seus compañeiros destacan o Fontes e o Araúxo. Por último, por medio de Adrián Soutelo coñecemos os irmáns O’Bryan (irlandeses) e Potocky (polonés), emigrantes en París.


Personaxes históricos:

Non hai personaxes históricos que interveñan no fío narrativo da novela, mais si conforman o marco histórico da acción. A grandes trazos, podemos clasificalos en varios bloques.

C
on respecto á guerra da Independecia aparecen don Martín de la Carrera, Juan Martínez Díaz (“O Empecinado”), Baldomero Espartero, Soult... Tamén hai referencias os enforcados en 1815, Porlier e Sinforiano López e ao xeneral francés Michel Ney. Ao redor do carlismo noméanse xenerais e guerrilleiros como Tomás Zumalacárregui, Gómez, Nazario Eguía e Ramón Cabrera; e en contraposición a eles Ramón Pardiñas, que morreu combatendo contra as tropas carlistas. Relacionados co provincialismo e o levantamento de 1846 están Solís, Antolín Faraldo, Romero Ortiz...; no lado oposto, o coronel Cachafeiro, que conduciu os sublevados contra o goberno desde Santiago até Carral e presidiu o consello de guerra. Tamén se cita a Eugenio Montero Ríos, como sobranceiro do partido liberal.

Unidos case sempre á formación de Paio cítanse moitos escritores, historiadores e políticos como Ernesto Renán, Lamartine, Michelet, Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal ("o outro"), Thiers, Luís Blanc, o duque de Rivas, o Padre Feixoo, ... Destaca a referencia a médicos franceses (Charcto, René-Théophile-Hyacinthe Laennec, Broussais...) e tamén a algúns profesores sonados da Universidade de Santiago como Antonio Casares y Rodrigo.


Aparecen referenciados ademais membros da realeza como María Cristina de Borbón, Carlos III, Carlos V, Luís XVIII, Fernando VII, Isabel II...; ministros e duques como Mendizábal, Godoy, o duque de Angulema, Moyano...; e relixiosos como o padre Peralta, Claraval ou don Diego Muñoz.


Acontecementos históricos:

A noticia da desmortización de Mendizábal é o acontecemento histórico co que se abre a novela, e será o desencadeante de todas as transformacións posteriores. Alén deste, a obra está chea de referencias, moitas veces relacionadas coas analepses e prolepses narrativas que contan a vida pasada dos personaxes do relato. Así, os principais acontecementos históricos citados son:

Os señores da terra: referencias ao Antigo Réxime (“monarquía do dereito divino”), expedición dos Cen mil fillos de San Luís (1823), a francesada (1808), Guerra de Independencia (1808), acción da Ponte Barbantesa, publicación dos decretos da desamortización de Mendizábal (1836), organización do carlismo, ataques de berberiscos e ingleses a Baiona (1772), erguemento e Reconquista da Cidade de Vigo (1809), acción de Ponte Sampaio (1809), expedición carlista do xeneral Gómez (1836), batalla de Luchana (1836), atentado contra Nazario Eguía (1829), erguemento da Coruña contra os franceses, batalla de Fontenoy (1745), enforcamento de Porlier e de Sinforiano López (1815)...

A maorazga: campaña carlista do Maestrazgo (durante a primeira guerra carlista), alzamento progresita do "41" (probablemente se refira ao de 1840), I República e Restauración Borbónica (1873), levantamento progresista e provincialista de 1846, establecemento da Xunta Central en Santiago, creación da fábrica de Sargadelos (creación a finais do século XVIII e principios do XIX), implantación da lei Moyano (1857)...

O estudante: proceso da independencia de Irlanda, Guerra dos Sete Anos (1756-1763), fracaso da segunda República francesa (1851), Banquete de Conxo (1856), preparación da revolución de 1868 (“La Gloriosa”)...

A estes acontecementos históricos hai que engadirlle a referencia aos cambios que se van producindo na sociedade galega ao longo do século XIX como consecuencia da entrada do capitalismo (chegada da estrada á aldea e aparición de novas profesións: tendeiros, recadadores, delegados de facenda, escribáns...).
                                                                                                                                                Inicio

Tema:

Transformación da sociedade galega do século XIX a través da historia de dúas familias fidalgas rurais de diferente posicionamento político (carlistas e liberais). Na medida en que a novela avanza, esta céntrase na formación do personaxe de Paio e no nacemento nel da conciencia galeguista.
Outros temas: o carlismo, a fame, a miseria e a emigración no mundo rural galego, a nostalxia polo mundo agrario tradicional, o amor imposible, a toma de decisións na vida...


Narrador:

O narrador principal é heterodiexético, en terceira persoa, cunha focalización omnisciente. En contadas ocasións este narrador cede a súa voz a personaxes do relato, o que supón tamén un desprazamento espazo-temporal. Así, no capítulo sexto da primeira parte, o monxe exclaustrado de Oseira nárralles en terceira persoa a historia das orixes do seu mosteiro aos cabaleiros presentes nunha das tertulias que se adoitaban facer na rebotica. Trátase tamén dun narrador heterodiexético, omnisciente e en terceira persoa.
A outra voz que se escoita é a de Adrián Soutelo, neste caso varias veces e de xeitos diferentes (como testemuña ou como protagonista do relato). Por exemplo, no capítulo terceiro da segunda parte, Adrián relátalle á súa familia a historia do levantamento fallido de 1846 en Santiago e a morte do seu irmán, Antonio Soutelo, da que foi testemuña. É este un narrador en primeira persoa, homodiexético, que só coñece aquilo que viu ou escoitou. Neste caso cómpre destacar o xeito en que o narrador principal se revela como autor implícito para xustificar a introdución da intervención deste personaxe como narrador dicindo: “Pola influencia que tivo na Galiza e na familia dos Soutelo, ten que figurar nesta novela”.
Outro cambio de narrador especialmente relevante prodúcese no capítulo primeiro da terceira parte cando Paio Soutelo atopa entre os papeis do seu tío O coto de Ushna, manuscrito de Adrián Soutelo sobre a viaxe que fixo a Irlanda cos irmáns O’Bryan. Neste relato introducido mediante a técnica do manuscrito achado o narrador é autodiexético, en primeira persoa.


Espazo narrativo:

Nesta novela o espazo ten unha importancia primordial, pois é Galicia no século XIX, coas transformacións que vai sufrindo, a verdadeira protagonista d'Os camiños da vida. En concreto, os espazos ao redor dos que transcorre a acción son dous pazos de Trasouto (aldea da bocarribeira ourensá, trasunto de Trasalba): o pazo da Seara e o pazo da Pedreira. Polo tanto o espazo principal e continuo da novela é rural, e representa o mundo da fidalguía e dos labregos. Dentro do pazo da Pedreira, que é no que a narración se centra máis pola evolución dos seus personaxes, ten un peso especial o despacho, lugar onde Paio atopa o manuscrito do seu tío e que logo será onde recibirá os seus doentes. Outros lugares importantes da aldea son a bodega, a rebotica e a casa da Burata.
Malia que o nome de “Trasouto” é inventado, a toponimia que circunda á aldea é real: Maside, Amoeiro, Cea, Serra do Suído, Faro de Avión...
En relación coa distribución dos outros espazos da acción en cada parte, n'Os señores da terra a analepse á vila de Baiona no século XVIII, na que era subsidiaria da aldea, pretende evocar un pasado glorioso perdido.
N'A maorazga parte da acción ten lugar en Ourense, que pasa de depender da aldea a converterse no mundo da nacente burguesía. Os lugares máis destacados son o instituto, o despacho do escribán e a tenda do reloxeiro. París aparece como cidade cosmopolita, cultural e liberal onde se atopan emigrantes de diferentes nacionalidades.
E, por último, O estudante está centrado en Santiago, identificado co mundo cultural e histórico e habitado por estudantes. É este o espazo do desenvolvemento da personaxe esperanzadora: Paio. Resaltan a pensión da rúa Mazarelos, o cemiterio do Sar, a facultade e o hospital. Pola súa banda, Irlanda identifícase con Galicia pola súa loita cara a independencia.
Outros espazos son: Vigo, Oseira, Ribadavia e Bretaña.


Estrutura narrativa:

A novela comeza in medias res e presenta unha estrutura circular, xa que remata en Trasouto, coa imaxe dos dous pazos, igual que comezara, pero coa diferenza de estado entre un e outro (decadencia e patetismo do pazo da Seara e prosperidade do pazo da Pedreira). O final é aberto pois non queda totalmente claro que Paio Soutelo fique para sempre como médico rural ou chegue a marchar a Madrid para facer a tese.
Aínda que en xeral existe unha sensación de linealidade, prodúcense diversas analepses empregadas principalmente para narrar a vida pasada dos personaxes ou para evocar un pasado glorioso que desprazan a historia ao século XVIII e a principios do século XIX (en especial na biografía de don Xosé María Puga).
A través do relato das orixes do mosteiro de Oseira, a historia sitúase nun tempo antigo, pouco definido e máis mítico que histórico; e máis avanzada a novela, no final do episodio do “barco negreiro”, prodúcese unha prolepse que sitúa a acción nos tempos da I República e da Restaturación Borbónica do ano 1873, grazas á que sabemos cales foron as consecuencias no futuro para os organizadores da leva de homes.
Canto ao ritmo, nas dúas primeiras partes o narrador detense nas descricións e na presentación de personaxes coa súa historia pasada. N'Os señores da terra a narración xira en torno ao pazo e ás tarefas agrícolas de cada estación (a vendima, a matanza do porco...); o tempo esténdese algo máis dun ano (dun setembro a un inverno do ano seguinte). A maorazga comeza despois do levantamento de 1840-41 (sabemos que Antonio Soutelo foi desterrado por atacar o coronel no día do triunfo) e remata despois do ano 1857 (pois a lei Moyano xa estaba implantada).
Na terceira parte o ritmo aumenta coa sucesión rápida de acontecementos que se inician co desterro do capitán Soutelo e culminan en 1868, coa preparación da revolución e con Paio recibido como médico, de volta en Trasouto e comezando a traballar.
                                                                                                                                                                Inicio




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño