Un home de Vilameán
Xoán Bernárdez Vilar

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

Céntrase no segundo alzamento irmandiño (1467-1469) aínda que tamén son reflectidos os anos previos nos que se fai referencia ás orixes da Irmandade e o tempo posterior á revolta até o ano 1470.


Personaxes:

A maior parte dos personaxes presentes na novela son históricos: Alonso de Fonseca e Alonso de Fonseca II, Catarina de Fonseca, Alonso de Lanzós, Gómez Pérez das Mariñas, Fernán Pérez de Andrade, Bernal Iañes de Moscoso, Alvar Paes de Soutomaior, Enrique IV rei de Castela e León, Galicia, Toledo, Sevilla, Córdoba, Murcia, Xaén, do Algarve e Señor de Vizcaia e da Molina, Sánchez de Ulloa, o Conde de Benavente, Pedro Álvarez Osorio, Diego de Lemos, Xoán Pimentel, Pedro Álvarez de Soutomaior, Xoán García Dabarca e Xán García coincidindo maioritariamente estes co grupo dos personaxes secundarios. Por outra banda están os personaxes ficcionais: familia e veciños de Pedro Bas, o Lourenza e Alonso de Luou entre os que salienta Pedro Bas, protagonista da obra.


Acontecementos históricos:

Segundo alzamento irmandiño. Episodios exclusivamente históricos mestúranse coa liña ficcional da obra outorgándolle maior aparencia de verosimilitude até confundir case por completo ficción e realidade histórica. Dada a relación temática hai numerosas referencias á primeira revolución irmandiña e a Roi Xordo (1431).


Tema:

O desenvolvemento e fracaso do segundo alzamento irmandiño.


Narrador:

Heterodiéxetico e omnisciente en terceira persoa. A aparencia de verosimilitude que o narrador procura na obra motiva o afastamento diexético.


Espazo narrativo:

Ao longo da narración aparecen diferentes escenarios polo que o autor inclúe no final da obra un mapa que axuda a situar xeograficamente os lugares mencionados. Aínda que hai algunhas referencias a Santiago de Compostela e outras cidades a maior parte da acción desenvólvese en diferentes vilas e poboacións das Rías Baixas e, en xeral, da provincia de Pontevedra, principalmente Vilameán, Vilariño, Baiona, A Ramallosa, Oia, Pontevedra e A Lanzada. Canto aos espazos interiores salientan a casa de Pedro Bas e o Mosteiro de Oia.


Estrutura narrativa:

A estrutura da novela é circular posto que remata co mesmo episodio (incluído dentro do capítulo titulado “Holocausto”), que aparece reproducido en itálica no inicio da novela narrando a chegada dun emisario da irmandade de Santiago, Alonso de Luou, á praia da Lanzada para comunicarlles aos irmandiños pontevedreses que son os únicos que manteñen a bandeira da irmandade.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño