Un home de Vilameán
Xoán Bernárdez Vilar

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Pedro Bas, veciño de Vilameán é empregado como fío condutor da obra. Os seus acontecementos vitais mestúranse cos históricos. Os abusos reiterados por parte do mosteiro propietario das terras que traballa após a morte da súa muller e filla lévano a integrarse no movemento irmandiño, sendo escoitado e respectado por moitos dos seus compañeiros polo seu bo xuízo e habitual mesura. 

A acción histórica sitúase no ano 1460, a designación de Alonso de Fonseca como arcebispo de Compostela provoca o alzamento militar de Pedro Álvarez Osorio e Bernal Iañes de Moscoso. A situación non se resolve até 1461 cando Álvarez Osorio abandona a loita e morre envelenado. O arcebispo de Sevilla Alonso de Fonseca, tío do outro Alonso de Fonseca, convértese entón no trixésimo arcebispo compostelán co fin de asegurar o poder da Sé e preparar o terreo para o seu sobriño. Ao tempo Pedro Bas viaxa até o mosteiro de Oia para solicitar un permiso que lle permita casar cunha moza doutra parroquia. Mentres agarda no mosteiro coñece a un picheleiro compostelán ao que lle describe o seu caso, este dille que para conseguir un cambio das cousas é preciso ter carraxe e oporse á autoridade, a seguir fálalle dos gremios e da unión entre iguais para acadar un obxectivo. 

Pedro e María casan mais ela morre ao pouco tempo. Pedro enfróntase por diferentes cuestións co Lourenza, un seu veciño que actúa como voz do mosteiro. 

Estabelecido o poder arcebispal en Compostela Alonso de Fonseca II viaxa á cidade acompañado de Catarina de Fonseca, súa nai, para tomar posesión do cargo entregado polo seu tío. No camiño é capturado por Bernal Iañes de Moscoso e encerrado na fortaleza deste en Vimianzo. O alto rescate solicitado dificulta a súa liberación. O tema é tratado polos irmandiños nunha reunión onde conclúen que o inicio dunha nova guerra causada por este encarceramento podería ter consecuencias positivas para os obxectivos da irmandade ao estaren en clara oposición os nobres e o poder de Enrique IV. A irmandade comeza a difundir o seu proxecto polas comarcas galegas. 

Despois de permanecer dous anos prisioneiro prodúcese a liberación de Alonso de Fonseca II coa condición de que ficase dez anos fóra da súa diocese. A irmandade está acadando un progresivo éxito na súa difusión e nas primeiras empresas que levan a cabo. Cando case todo o territorio se atopa baixo o poder irmandiño Pedro Bas e outros veciños de Oia, do Miñor, do Baixo Miño e das Mariñas acoden ao mosteiro de Oia para solicitarlle que cedan as súas terras á Irmandade. 

Cando todo semella ser favorábel para os obxectivos de xustiza e igualdade fixados polos irmandiños prodúcese o reencontro entre Enrique IV e a nobreza feito que propiciará o fin das aspiracións da Irmandade. As tropas irmandiñas dirixidas por Pedro Álvarez Osorio e por Diego de Lemos son derrotadas e os seus líderes acusados de traizón ao pobo. Os poucos superviventes irmandiños dispérsanse e foxen mais Pedro Bas e algúns dos seus compañeiros (Xoán García Dabarca, Xán García, o Lusquiños, o Milhomes e outros até un total de trinta e dous homes) resisten refuxiándose na fortaleza da Lanzada. Pedro Bas vendo o seu fin inminente mais preferindo morrer na loita antes que perder novamente a liberdade, advirte os seus compañeiros de que quen o desexe pode marchar; fican así unicamente nove irmandiños. Un deles, o Milhomes será o traidor que vende os seus compañeiros a cambio dunha promesa de liberdade incumprida posto que as tropas dos nobres aniquilan os irmandiños que aínda resistían.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño