Un home de Vilameán
Xoán Bernárdez Vilar

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Paratextos: 

En primeiro lugar aparece o “Limiar” do autor. Nel Bernárdez Vilar fai referencia ao porqué do marco histórico elixido para a obra, facendo alusión á pouca fortuna historiográfica dos Irmandiños. No Limiar tamén recoñece o autor que na narración conviven personaxes históricos con outros “xurdidos daquel pobo anónimo e descoñecido”. 
Inmediatamente antes do inicio da obra aparece unha extensa cita de Aimerico Picaud do Liber Sancti Jacobi. Codex Calixtinus. V, cap VII, onde se describe a xeografía galega e se afirma “Os galegos acomódanse mellor cás demais poboacións españolas, de atrasados costumes, ó noso pobo francés, mais son tidos por irados e litixiosos”. 
Cada un dos capítulos leva unha cita inicial “Feden a podre / os homes e a paisaxe” de Celso Emilio Ferreiro en “Ceifa”, “Tes que ir porta por porta, / acendendo os corazóns” de Ramón Cabanillas en “Sementeira”, “Os montes son redondos como peitos de muller, e as serras son como lombos de boi cebado” de Castelao en “Colleita”, “Dos vencidos na guerra dos servos nazan cen herbas longas. / Longas sexan as voces de chorar, coma espadas. / ¡Espadas as tronzadas para sempre en Galicia” de Xosé Luís Méndez Ferrín en “Holocausto”. 
Rematada a obra aparece en primeiro lugar unha “Táboa histórica”, cronoloxía de dezaoito páxinas que vai desde o ano 2064 a. C. até o 1526 d. C. A continuación inclúese unha “Bibliografía consultada” e un mapa que recolle os lugares (vilas, castelos e batallas) que lle proporcionan á trama unha maior aparencia de verosimilitude. 
A edición de 1982 non contén a "Bibliografía consultada".


Outros textos literarios integrados no volume:

Ningunha das edicións contén outros textos literarios.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño