Doutorandos/as


Diego Rivadulla Costa

Diego Rivadulla Costa é Licenciado en Filoloxía Hispánica (2012) e Graduado en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios (2014) pola Universidade da Coruña con Premio Extraordinario de Fin de Grao da UDC e Premio Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, realizou o Mestrado Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanza de idiomas durante o curso 2012-2013 na mesma universidade.
 

Foi bolseiro de colaboración en diversos proxectos do Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña e participou como investigador contratado no proxecto financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad Cronoloxía da literatura galega (1801-1900) (FFI2012-37891), dirixido pola profesora Teresa López. De marzo a setembro de 2016 foi bolseiro de formación na Sección de Publicacións do Parlamento de Galicia e até agosto de 2019 traballou como investigador contratado ao abeiro da convocatoria das axudas de apoio á etapa predoutoral da Xunta de Galicia, formando parte do Departamento de Letras da UDC. Realizou, ademais, estadías de investigación na EHEHI Casa de Velázquez (École des hautes études hispaniques et ibériques) en Madrid e na School of Communication and Culture da Universidade de Aarhus (Dinamarca).

 

Os seus ámbitos de investigación son os estudos literarios, con especial atención á literatura galega contemporánea, e os estudos culturais. Publicou algúns traballos sobre a ficcionalización e memoria do franquismo na narrativa galega actual, tema sobre o que está a realizar a súa tese de doutoramento no Programa de Doutoramento interuniversitario en Estudos Literarios da UDC e a UVIGO, dirixida polo profesor Carlos Paulo Martínez Pereiro.

  • Publicacións
  • Outros méritos