O castelo de Pambre
Antonio López Ferreiro

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



Tempo da historia:

A obra comeza no mes de maio de 1378 e dáse por rematada coa finalización da construción do castelo en 1391.


Personaxes:

Un bo número de personaxes da novela son reais, sendo especialmente significativo o caso dos personaxes principais. Entre estes sitúanse Gonzalo Ozores de Ulloa, Vasco Gómez das Seixas que desencadea o conflito histórico ao ocupar as terras dos Ulloa e Vasco Fernández (señor de Vilar de Mella e pai de Beringuela). Entre os personaxes principais aínda que sen correlato na historia achamos a Beringuela e a Fernán Vázquez, criado e coidador de Gonzalo Ozores.
Moitos son os secundarios presentes na novela, entre eles tamén moitos dos personaxes teñen fundamento real, tal e como acontece con Álvaro Páez de Soutomaior, María Álvarez de Soutomaior (filla de Álvaro Páez de Soutomaior e muller de Gonzalo Ozores), Vasco Gómez das Seixas, Lope (só mencionado, fillo de Gonzalo Ozores e María), Nuño Gómez das Seixas, o condestable que non aparece baixo o seu nome real, Pedro Enríquez, e só é mencionado ao final da novela para aludir ao seu apoio aos partidarios dos Trastámara fronte a liña lexítima defendida polos Ulloa e Gonzaliño (posíbel fillo de Beringuela e Gonzalo Ozores) (vid. infra Observacións).
Canto aos secundarios ficcionais situamos neste grupo a nai de Beringuela, Eldonza, a Leonor, irmá de leite de Beringuela e os criados Alberte e Domingos.


Acontecementos históricos:

Os Ulloa toman parte na guerra sucesoria entre Enrique de Trastámara e Pedro I “O cruel” a favor deste último. Tras seren capturados na batalla de Montiel Vasco López de Ulloa e seu fillo Gonzalo Ozores deben exiliarse en Francia. Durante a súa ausencia Fernán Gómez das Seixas faise coas súas propiedades. Ao seu regreso tratarán de recuperalas grazas á axuda de antigos amigos como Vasco Fernández e Álvaro Páez de Soutomaior.


Tema:

Historia de amor entre Gonzalo e Beringuela que verá truncado o seu final feliz dadas as obrigas sociais impostas a Gonzalo Ozores pola axuda prestada nas fazañas bélicas culminadas na obra. A trama amorosa confúndese constantemente coa bélica.


Narrador:

Extradiexético e omnisciente en terceira persoa aínda que aparece a figura do autor implícito nas descricións histórico-artísticas e nos comentarios que se fan dos personaxes.


Espazo narrativo:

As terras de Sobrado, Melide, Palas de Rei, e Dormeá como principais espazos externos; canto aos internos contan con especial relevancia o castelo de Curbián e a fortaleza de Vilar de Mella.


Estrutura narrativa:

A estrutura narrativa é lineal cunha única prolepse que se produce fóra xa da narración propiamente dita ao relatarse o encontro entre Beringuela e Gonzalo dentro do convento.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño