O castelo de Pambre
Antonio López Ferreiro

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Gonzalo Ozores de Ulloa regresa grazas ao seu criado Fernán Vázquez de Francia coa intención de recuperar as terras pertencentes á súa familia. Aproveitando o seu retorno restabelece a amizade con Beringuela e seus pais, especialmente con Vasco Fernández que lle axudará no seu proxecto. Os criados Alberte e Domingos tamén participan na recuperación das terras aínda que finalmente Alberte estabelecerá contrato de vasalaxe con Vasco Gómez das Seixas, usurpador das terras dos Ulloa e principal obxectivo a bater para Gonzalo e os seus aliados.

Beringuela, caracterizada como unha muller valente e independente, acode á voda de Leonor, criada, amiga e irmá de leite súa. Durante esta estancia fóra da súa casa esta é atacada polas tropas de Vasco Gómez das Seixas capitaneadas polo seu fillo Nuño e seus pais capturados. Cando Beringuela descobre o acontecido decide unirse aos cativos provocando o arrepentimento en Nuño, dado o amor que este sinte por Beringuela, e facendo que este trate de urdir un plan de liberación.

A noticia do cativerio de Beringuela e seus pais chega a ouvidos de Gonzalo Ozores que comeza a tramar a súa liberación. A recuperación de terras prosegue coa toma do castelo de Curbián que deixa novamente en mans do seu pai para comezar a preparar o asalto á fortaleza de Sampaio onde están cativos Beringuela e seus pais. A batalla que remata coa toma de Curbián personalízase na loita entre Alberte e (Do)Mingos situados en cada un dos bandos enfrontados e remata coa morte de Nuño.
Fernán Vázquez entra en Sampaio finxindo ser un mendigo e trata de indagar onde están os prisioneiros. Mentres Beringuela e seus pais son liberados os homes de Gonzalo de Ozores toman o Castro das Seixas. Celébrase a vitoria de Gonzalo de Ozores nas súas empresas bélicas e a liberación dos de Vilar de Melle, durante a celebración Beringuela e Gonzalo recitan unha tenzón onde se entrevén os seus sentimentos.

Beringuela e a súa familia instálanse nunha súa casa na parroquia de Rodieiro, Gonzalo mentres tanto parte para visitar aos seus vasalos.

De súpeto faise a descrición dunha fermosa moza que chega ás recuperadas terras dos Ulloa acompañada dunha pequena comitiva. A moza resulta ser María, filla de don Álvaro Páez de Soutomaior que a acompaña na viaxe co obxecto de casala con Gonzalo Ozores. Gonzalo, desconcertado ante a proposta, solicita tres días para dar unha resposta, nese lapso temporal Fernán Vázquez acode a casa de Beringuela explicarlle a mudanza na situación, esta renuncia ao seu amor por Gonzalo e remata a historia co casamento de María e Gonzalo.

No apartado final, “Engademento á lenda”, aparece Gonzalo Ozores acompañado por un neno de visita nun convento. Finalmente descóbrese que está visitando a Beringuela e insinúase que o neno é fillo de ambos posto que se alude ao seu nome: Gonzaliño e á promesa que Gonzalo Ozores lle ten feito a Beringuela de crialo como un Ulloa.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño