O niño de pombas
Antonio López Ferreiro

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  



– A novela foi publicada orixinalmente baixo o pseudónimo “K” e apareceu por entregas en El Correo de Galicia: diario independiente de avisos y noticias.

– O capítulo VII desenvólvese na cociña do pazo de Mariña, onde cociñeiros e criados recitan unha coplas que dan pé a que o cociñeiro do pazo, Troitosindo, comente onde as escoitou por vez primeira introducindo así dúas referencias históricas de importancia. En primeiro lugar Troitosindo fala da consagración da Igrexa de San Martiño de Pazos que data no 18 de setembro de 1118. Segundo conta este acontecemento destacou pola abundancia de comida e os gastos que alí se fixeron que correron da man de Sanio Martiz e súa muller Visclavara Ramírez. Neste momento López Ferreiro introduce a seguinte nota a rodapé: “Todo esto é estórico, pois así o reza un documento que vin do mosteiro de San Martiño de Santiago. E máis dice o documento: que o cura de Pazos Pedro Astrariz e os filigreses con licencia do Obispo de Lugo, cedéronlle á Sanio Martiz a heredá de Rasedo en pago do que adiantara”.
En segundo lugar recóllense referencias ao pacto realizado coa presenza do bispo santiagués Diego Xelmírez en Castrovite para tratar de evitar as disputas sucesorias polo Reino de Galiza que están a desenvolverse entre Dona Urraca e o Conde de Traba.

– En relación ao Mosteiro de Carboeiro (Silleda) está documentada a existencia dun freire chamado Munio (o Abade Munio) que foi responsábel desta institución desde o ano 1069 até o 1075. Antonio López Ferreiro inclúe o personaxe de Fray Munio como abade de Ansemil (o outro mosteiro presente na obra, tamén situado en Silleda) de xeito que existe un desfase tanto referencial como cronolóxico canto á historicidade do personaxe. Isto mesmo acontece na novela noutros casos, isto é, o autor emprega nomes de personaxes reais, históricos para crear personaxes que pouco ou nada teñen que ver co seu referente e que non coinciden temporalmente co momento de desenvolvemento da acción. Acontece isto nos casos de Ermemberga (nome real dunha princesa visigoda dos séculos VI-VII) e con Xuan Fernández de Lima (arcebispo de Santiago de Compostela entre 1331-1338 baixo o nome de Xoan II.

– Existe unha edición parcial da obra nun volume colectivo publicado pola Universidade de Santiago de Compostela conmemorando a década 1970-1980 do día das letras galegas.

A edición de 1953 contén debuxos feitos por Francisco López Carballo.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño