O niño de pombas
Antonio López Ferreiro

Autora da ficha: María Vilariño Suárez

     Edicións      |      Estrutura editorial      |      Recensión      |      Datos narratolóxicos      |      Observacións  


Mariña e Ramil viven namorados mais non son quen de confesarse os seus sentimentos. A acción iníciase coa visita de Ramil a Mariña co fin de comunicarlle as novidades no estado do seu irmán Sancho que foi apreixado por Godesindo, señor de Donrramiro, irmán de Mariña e partidario do rei de Portugal Afonso Enríques. O monarca portugués está a batallar na zona fronteiriza entre Ourense e Portugal. Mariña desgústase enormemente ante as noticias transmitidas; máis aínda tendo en conta que a súa outra irmá, Alvira, tamén está presa nas mans de Godesindo e que ela é orfa de pai e nai, sendo Ramil a única familia que lle queda neses momentos.

Ramil comprométese a defender as terras e pazo de Mariña e mentres isto sucede será o seu propio pazo o queimado. Pouco despois Ramil é apreixado e por medio dun compañeiro de cela, Fernando, remítelle a Mariña unha parella de pombas dentro dun niño que contén unha nota coa que Ramil lle desvela os seus sentimentos. Este acontecemento provoca a desesperación de Mariña que dubida de que a súa relación poida ser ben vista aos ollos de Deus dado o parentesco que os une. Atemorizada acode a visitar ao Abade de Carboeiro. Ao tempo comunícanlle que Don Xuan Fernández de Lima derrotou o rei de Portugal e que a liberación de Sancho e Ramil é, por tanto, inminente. O Padre Froilán confésalle a verdadeira historia do nacemento de Ramil, afirmándolle que é fillo dunha peregrina lombarda chamada Ermemberga e convida a Mariña a iren xuntos de visita ao mosteiro de San Pedro de Ansemil onde vive un frade (o Padre Munio) que antes foi paxe de Adosinda (nai adoptiva de Ramil) e que coñece á perfección a historia das orixes de Ramil. Unha vez confirmado que non existe parentesco sanguíneo entre Ramil e Mariña esta fica satisfeita. A súa felicidade completarase coa posta en liberdade dos seus irmáns, Sancho e Alvira. Pouco tempo despois de que Ramil acuda á súa casa após a súa liberación e ambos se confesen os seus sentimentos casan no mosteiro de Carboeiro. Ao terceiro día dos oito que dura o convite aparece Ermemberga no seu peregrinar anual co fin de expiar o pecado do nacemento dun fillo ilexítimo. Esta preséntase diante da parella de recén casados como nai de Ramil e dálles a súa bendición; a boa acollida que lle proporcionan Mariña e Ramil e as referencias á fuxida e desaparición dos partidarios do rei de Portugal completan a historia.




       Catálogo elaborado dentro do Proxecto de Investigación Narrativa, discurso da historia e construción da identidade na Galiza (PGIDIT07PXIBI04151PR) subsidiado pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
     
  
               Contacto: novelahistgal@yahoo.es       © Francisco Salinas et alii, 2011
                                                                                                                                                                                       Deseño e realización técnica: Laura Mariño