Persoal investigador integrado


Xosé Ramón Freixeiro Mato

Catedrático de Universidade
881011736

Xosé Ramón Freixeiro Mato é licenciado en Filoloxía Románica (1977) e en Filoloxía Galego-Portuguesa (1983) pola Universidade de Santiago de Compostela. Catedrático da Área de Filoloxías Galega e Portuguesa na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, as súas principais liñas de investigación son a gramática galega e a lingüística textual (con catro volumes publicados no período 1998-2003 e reeditados en 2006), a lingua literaria e a estilística (con atención preferente a autores como Antonio Noriega Varela, Rafael Dieste, Manuel García Barros, Sebastián Martínez-Risco ou Manuel María), e a historia externa da lingua, a sociolingüística e a calidade lingüística (con obras como Lingua galega: normalidade e conflito, 5ª ed. en 2002, Lingua, nación e identidade, de 2006, ou Lingua de calidade, de 2009).

Recibiu en dúas ocasións o Premio Ánxel Fole, a primeira por Da montaña o corazón (Produción literaria e lingua en Noriega Varela) (1993) e a segunda por Cucou o cuco cuqueiro. Lingua e estilo na obra de Manuel María (2007). A súa monografía Os marcadores discursivos. Conectores contraargumentativos no galego escrito (2005) obtivo o Premio da Crítica na modalidade de Investigación no ano 2006; e Estilística da Lingua Galega (2013) o mesmo premio no ano 2014.

Foi director da Revista Galega de Filoloxía, publicada pola Área de Filoloxías Galega e Portuguesa da UDC, desde xaneiro de 2005 até maio de 2015.


  • Publicacións
  • Proxectos I+D
  • Teses
  • Outros méritos