Persoal investigador integrado


Teresa López

Titular de Universidade
Coordinadora
881011733

Teresa López, licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutora en Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués) pola Universidade da Coruña con Premio Extraordinario.

Profesora titular da área de Filoloxías Galega e Portuguesa na Universidade da Coruña desde o ano 1998, na actualidade exerce a docencia na Facultade de Filoloxía, onde impartiu materias de literatura galega nos niveis de licenciatura, grao, mestrado e doutoramento.

Foi coordenadora do Mestrado universitario en Lingua e usos profesionais (2007-maio 2013) e do Mestrado universitario en Literatura, cultura e diversidade (2011-maio 2013).

Decana da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña (febreiro 2005-abril 2013). Na actualidade é directora do Departamento de Letras.

O seu traballo de investigación está centrado na literatura galega contemporánea, especialmente nas relacións entre a literatura medieval e a contemporánea e na poesía de vangarda no período 1916-1936. Entre as súas publicacións, destacan os libros Névoas de antano. Ecos dos cancioneiros galego-portugueses na Galiza do século XIX (1991) –merecente do I Premio de Investigación Lingüística e Literaria Carvalho Calero–, O neotrobadorismo (1997), Sementeira de ronseis. Cinco poetas da vangarda (2000) e as edicións de Rua 26. Diálogo limiar (1996) de Álvaro Cunqueiro, d’A costureira d’aldea (2006) de Manuel Lugrís Freire e, en colaboración con Xoán López Viñas, d'O frade das dúas almas de Xosé Tobío Mayo (2010).

Dedicou artigos a diversos aspectos da literatura galega no século XIX, á nova narrativa, e á presenza da lírica trobadoresca na poesía de Bernardino Graña, Ernesto Guerra da Cal, Eduardo Pondal, Fermín Bouza-Brey, Uxío Novoneyra ou Álvaro Cunqueiro, publicados en revistas como Grial, Anuario de Estudos Literarios Galegos, A Trabe de Ouro, o Boletín da Real Academia Galega, e en libros colectivos.

Participou en diversos proxectos de investigación sobre literatura galega contemporánea e foi investigadora principal do proxecto "Cronoloxía da literatura galega contemporánea (1801-1900)" (FFI2012-37891), concedido polo Ministerio de Economía e Competitividade.

  • Publicacións
  • Proxectos I+D
  • Teses
  • Outros méritos